A CIG reclama a continuidade do persoal de reforzo do verán para loitar contra os incendios forestais
Na CIG-Administración explican que a Consellería do Medio Rural, a través da dirección xeral de Ordenación e Produción Forestal, vén de decretar a continuidade do alto risco de incendios forestais a partir do 1 de outubro, un período que se prolongará até o día 1. Esta ampliación supón que todos os medios continúen activos durante este tempo, “agás o persoal do reforzo do verán, traballadores/as contratados/as directamente por Medio Rural e cunha duración contractual de tres meses”.
Segundo denuncian, esta situación suporá que despois do día 1 o operativo contra incendios non estea en pleno rendemento, contradicindo polo tanto o dito polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, en días pasados, cando publicamente asegurou “que o Goberno galego ía manter activo o operativo especial despregado contra os incendios forestais mentres haxa risco”.
Diante disto, censuran a “falsidade” das declaracións do responsábel autonómico, “declaracións que fixo en plena campaña electoral con intención de arrimar votos para o seu carón e dando falsas expectativas ao persoal contratado no reforzo do verán”.
Ao mesmo tempo, critican que os propios dirixentes da Consellería chegaron a manifestar diante de traballadores/as do SPDCIF que o persoal de reforzo do verán traballaría o mesmo tempo que os da empresa privada. “Pois ben, o día 1 de outubro o persoal da empresa Natutecnia continuará nos seus postos de traballo, mentres que o persoal propio do SPDCIF será cesado automaticamente o día 30 de setembro”.
Finalmente, reclámanlle a Medio Rural a que habilite os orzamentos para que o persoal laboral do reforzo do verán continúen nos seus postos de traballo mentres se prolongue o período de alto risco de incendios forestais, “cumprindo desta volta o expresado polo propio vicepresidente da Xunta”.