A CIG reclama a Carrefour que suspenda os inventarios en domingo e que esta tarefa se faga na xornada ordinaria
A representación da CIG nos hipermercados Carrefour de Lugo e de Alfonso Molina (A Coruña) vén de iniciar unha recollida de sinaturas para trasladar o malestar que existe entre as traballadoras e os traballadores destes dous establecementos pola decisión da multinacional francesa de retomar os inventarios fóra da xornada laboral. No caso de Lugo, o inventario de dúas seccións está previsto para este domingo, 17 de maio, mentres que o do centro coruñés se realizará no domingo seguinte, 24 de maio.
As delegadas e delegados da CIG critican a total falta de sensibilidade da empresa e o desprezo que amosa con esta decisión, cando no resto das seccións este proceso se fixo en horario laboral. "A Carrefour non lle chega con ter o seu persoal amoreado durante toda a semana que agora tamén quere que vaiamos o domingo traballar, incrementando así a nosa exposición ao risco de contaxio e impedindo o noso dereito a descansar", denuncian.
Dereito a descansar
Neste senso, lembran que os traballadores e as traballadoras do comercio de alimentación están soportando unha importante sobrecarga de traballo dende o inicio do estado de alarma, en moitas ocasións sen dispor das medidas de protección necesarias, e sen que as empresas reforzaran os cadros de persoal, malia incrementar substancialmente as vendas durante estes dous meses.
Este inventario, apuntan, é totalmente innecesario xa que se podería realizar durante a xornada ordinaria. De feito, engaden as delegadas e delegados da CIG, Carrefour suspendeu o inventario xeral o 14 de marzo, e as distintas seccións fixeron este traballo sen maior problema durante a xornada laboral, polo que "non ten sentido que seguindo no estado de alarma agora se celebren".
Sinalan tamén a falta de sensibilidade amosada pola empresa con esta decisión, xa que este domingo, alén de ser festivo autonómico, é o primeiro domingo que se permiten as reunións coa familia dende que se decretou o estado de alarma, polo que "parece un castigo máis da empresa ao seu persoal".
Solidariedade de todo o persoal
A representación da CIG agradece o amplo apoio que está a recibir a recollida de sinaturas e a solidariedade dos traballadores e traballadores que, a pesar de non estar convocados para este domingo, asinaron que non se celebrase o inventario; o que deixa en evidencia o enorme rexeitamento que a decisión da compañía suscita "e que o persoal xa está farto de tanto abuso patronal".