A CIG reclama a aplicación da xubilación parcial por contrato relevo a toda a clase traballadora galega
Ante a aprobación do Consello de Ministros da prórroga da xubilación parcial por contrato relevo para a industria manufactureira até o 31 de decembro de 2023, no marco do novo paquete de medidas de apoio a mitigar o impacto da guerra de Ucrania a CIG considera que “son inxustas”.
Así o explica o secretario confederal de Emprego e Industria, Francisco González Sío, quen denuncia que, deste xeito, “non se garante o acceso á xubilación aos 61 anos ao conxunto da clase traballadora”.
Neste sentido advirte que “mantén o carácter discriminatorio e inxusto da medida aprobada no ano 2018 no marco do dialogo social, xa que non inclúe a todos os traballadores e traballadoras”. E explica que o Goberno español reafirma a eliminación deste dereito para o conxunto da clase traballadora “privando deste a moitos traballadores/as que padecen unhas condicións laborais precarias e moi penosas (construción, servizos, saúde…)”.
Lembra que no ano 2018 a CIG remitiu ao Ministerio de Traballo centos de manifestos de comités de empresas esixindo a derrogación da reforma das pensións de 2011 e manter este dereito para todos os asalariados e asalariadas a xubilación parcial por contrato relevo.
Unha norma que, dentro da propia industria, deixa fóra a un de cada tres traballadores/as nos cadros de persoal que son man de obra indirecta (que realiza labores administrativas e técnicas), a cal non se vería afectada por esta medida. Ao tempo, subliña, “parte importante das actividades das empresas principais da industria que sufriron un proceso de externalización, a consecuencia do que agora o persoal que realiza estas tarefas pertence a empresas multiservizos, ETTs ou Centros Especiais de Emprego, entre outras, tamén están fóra do acceso á xubilación parcial con contrato relevo”.
Reafirmámonos na necesaria derrogación das reformas das pensións
Fronte a esta medida discriminatoria, a CIG volve reclamarlle ao Goberno español a derrogación das reformas das pensións de 2011 e 2013 e o restablecemento da xubilación parcial aos 61 anos nas condicións que existían previamente.
“Galiza precisa rexuvenecer os cadros de persoal, como medida real de creación de postos de traballo para rematar co desemprego e o drama da emigración”, afirma González Sío. “Precisamos aumentar os ingresos da Seguridade Social e do sistema público de pensións con máis cotizantes, e iso pasa por ofrecer traballo digno aos nosos mozos e mozas, que regrese toda a mocidade que emigrou por mor da crise, e por derrogar as reformas laborais para que favorecer unhas condicións e uns salarios xustos”, conclúe.