A CIG reclama a absolución total das persoas procesadas e rexeita a criminalización do independentismo
A Confederación Intersindical Galega, que xa se sumou no seu momento aos centos de persoas e colectivos que amosaron o seu rexeitamento ao proceso xudicial desenvolvido na Audiencia Nacional contra 12 persoas vinculadas ás organizacións Causa Galiza e Ceivar, reclama a absolución total das procesadas.
Considera que non existe a máis mínima evidencia que probe a integración en “banda criminal” e entende que máis ben se trata dunha persecución e criminalización dun proxecto político en estrito sentido, utilizando para iso á Garda Civil e un tribunal de excepción como a Audiencia Nacional.
A central sindical demanda ademais a permanencia do estatus legal das dúas organizacións envoltas no proceso: Causa Galiza e Ceivar, que sempre actuaron á luz do día e desenvolvendo actividades legais.
Por iso defende a non imposición de medidas que afecten aos dereitos civís e laborais das persoas procesadas e que non se aplique represión económica, xa que se lles pretenden demandar 348.000 euros.
A central trasládalle, máis unha vez, a súa solidariedade aos 12 militantes independentistas e reitera o seu rexeitamento a este novo intento de criminalización da disidencia política por parte do Estado español.