A CIG recada o apoio para o sector pesqueiro galego de sindicatos e asociacións da pesca do norte de Portugal
A CIG recadou o apoio da Federación de Sindicatos do Sector da Pesca de Portugal así como da Associação de Pescadores Ribeirinha de Viana do Castelo á concentración que a 'Plataforma en defensa da pesca e os ecosistemas mariños' ten convocada para mañá sábado, ás 12 horas, diante da Delegación do Goberno na Coruña.
Unha representación destas organizacións confirmoulle á CIG que se trasladará a Galiza para participar na mobilización e apoiar as reivindicacións do sector pesqueiro galego e compartiu a súa preocupación ante as propostas de ocupación do espazo mariño pola eólica mariña. Especialmente significativa resulta a solidariedade das e dos traballadores do mar de Viana do Castelo, pois xa están sufrindo as consecuencias de ter instalado un parque eólico na súa costa.
Unha vez máis, a CIG reitera a demanda ao Goberno español para que retire de inmediato o Real Decreto polo que se aproban os POEM polo risco que supoñen para a preservación dos caladoiros de pesca e dos corredores ecolóxicos mariños e porque pode constituír un prexuízo económico e social irreversíbel.
Nesta liña, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, reclámalle á Xunta de Galiza que se coloque nunha posición clara e unánime dentro do propio Goberno na defensa do sector pesqueiro galego. "No contexto actual non pode ser que o presidente da Xunta se manifeste nun sentido mentres os seus conselleiros e conselleiras fan declaracións no sentido contrario", asevera.
Finalmente, a CIG chama a participar na concentración deste sábado na Coruña porque cómpre mobilizarse para conseguir unha Galiza libre de eólica mariña e para reclamar un modelo enerxético realmente xusto e sustentábel, que entenda a enerxía como un dereito fundamental da sociedade e dos pobos para ter unha vida digna, que poña o interese social, o ben público e a protección da natureza por diante do lucro e da especulación.