A CIG realizou unha asemblea co persoal de Ferroatlántica para abordar a situación da empresa
A sección sindical da CIG en Ferroatlántica celebrou na tarde deste luns unha asemblea aberta de traballadores e traballadoras das fábricas de Cee e Dumbría e das centrais hidroeléctricas para trasladar a escasa información que existe sobre a operación de venda ao fondo norteamericano TPG Sixth Street Partners e abordar a situación actual nas plantas.
A CIG advertiu que a operación anunciada polo Grupo Villar Mir segue a fórmula da presentada en 2017, pero de maneira máis sofisticada para darlle a aparencia de legalidade. O voceiro da sección sindical, Alfonso Mouzo, subliña que de efectivizarse esta venda, as fábricas quedarían nunha situación peor ao estar fóra do grupo pero funcionando como unha especie de subcontratas, xa que o provedor e comprador exclusivo da produción seguiría a ser FerroGlobe.
"Estamos ante unha operación fraudulenta que supón unha segregación encuberta das centrais. O obxectivo de Villar Mir segue a ser a venda dos aproveitamentos hidroeléctricos para facer negocio con eles", advirte. Mouzo subliña que a representación social se dirixiu ao suposto comprador para coñecer o seu proxecto industrial e a resposta, mediante chamada telefónica, "foi que non tiñan nada que falar con nós, que aínda están en negociacións. Enviámoslle a petición tamén por escrito e a día de hoxe o comprador segue sen aparecer".
O voceiro da sección sindical da CIG lembra que o propio conselleiro de Industria, Francisco Conde, no marco dunha reunión co comité, animou tamén o persoal a que se dirixira á representación do fondo norteamericano, "do que seguimos sen saber nada". Nesa reunión, os delegados/as sindicais reclamáronlle a Conde actuacións firmes para evitar a venda fraudulenta, mais o conselleiro limitouse a asegurar "que ía estar do lado dos traballadores/as como en 2017", pero sen achegar ningún compromiso en firme sobre este punto.
Ferroatlántica instalada na política de propaganda
Entre tanto, a dirección de Ferroatlántica segue coa súa política de propaganda e trasladoulle á parte social un "plan industrial" para as fábricas de Cee e Dumbría de 14 millóns a investir durante os próximos cinco anos. "Véndemos este plan como se fora unha inversión extraordinaria cando é o mínimo que se necesita para garantir o mantemento das plantas e que non caian a anacos", valora Mouzo.
Nesta liña, cualificou de "adobío" as declaracións da empresa a respecto dos bos resultados da poxa da interrompibilidade "cando ningunha empresa saíu ben porque o número de bloques e os prezos foron inferiores aos de hai seis meses". Polo tanto, a decisión nestes intres de reactivar os dous fornos parados a principios de marzo confirmaría o que CIG leva meses denunciando, que non existe causa obxectiva para reducir a produción nin para negociar unha suspensión temporal do emprego.
De feito, malia as afirmacións realizadas por Ferroatlántica nos medios, a dirección confirmou que, a pesar de non estar executado, non vai retirar o ERTE, manténdoo así como unha ameaza ao persoal. De aí que a sección sindical da CIG desconfíe das intensións da empresa "porque se é verdade que quere pór en marcha os fornos a partir de agosto, faltan traballadores/as para poder retomar a produción".