
A CIG reafirmou o seu compromiso coa causa do pobo saharauí nun encontro coa UGTSARIO

O pasado venres, 27 de xuño, desenvolveuse na cidade de Vigo un encontro entre o responsábel de Relacións Internacionais da UGTSARIO, Mohamed Salem Hamma, e os representantes do Departamento de Relacións Internacionais da CIG. Unha primeira toma de contacto, após a renovación dos organismos e actualización da liña política levada a cabo pola UGTSARIO no seu X Congreso, celebrado en Tindouf en abril deste mesmo ano, no que a CIG estivo presente, e para actualizar esas relacións entre os dous sindicatos, de cara aos vindeiros anos.
Durante o encontro, no marco da estreita e tradicional relación entre o pobo galego e saharauí e ambas organizacións sindicais, o responsábel da UGTSARIO avanzou algún dos retos que, como organización referencial do pobo traballador da República Árabe Saharauí Democrática (RASD), serán fundamentais no presente mandato.
No ámbito das relacións internacionais, expúxose a necesidade de fortalecer as relacións de colaboración e cooperación, a fin de xerar un eco moito máis forte das reivindicacións da causa saharauí e involucrar a comunidade internacional co propósito fundamental de situar a responsabilidade do conflito, non só no Reino de Marrocos, senón tamén naqueles estados que, como o español, aínda potencia administradora, axudan a perpetuar esa colonización e ocupación ilegal do seu territorio.
Reforzo da cooperación e colaboración

Con este propósito, o encontro serviu para retomar o intercambio xa desenvolvido entre as dúas organizacións en distintos aspectos:
- Valoración do Convenio de Colaboración e Cooperación entre UGTSARIO e CIG, que xa rematou os seus catro anos de vixencia, de cara á súa renovación.
- Avanzar algunhas das iniciativas futuras, con especial fincapé na continuidade do Foro Sindical Internacional de Apoio ao Pobo Saharauí que desenvolverá a súa 3ª edición o vindeiro 2026.
- Proxectar liñas que garantan a continuidade da cooperación e colaboración entre as dúas organizacións sindicais, tanto nos respectivos países, como tamén a nivel global, coa defensa da súa causa nos foros internacionais.
- Demandar da OIT, o mesmo que se vén facendo co caso de Palestina, o envío de expertos e a elaboración dun informe sobre a situación dos traballadores e traballadoras saharauís nos territorios ocupados.
- Esixir o cumprimento das distintas sentenzas do Tribunal de Xustiza Europeo, arredor da explotación e comercialización dos recursos do pobo saharauí nos territorios ocupados, que non están sendo respectadas, nin polo Estado español, nin pola UE.
- Nesta mesma liña, é preciso tamén esixirlle ao goberno do Estado español, nomeadamente ao Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, o cumprimento das súas propias leis, no que respecta ao retraso na resolución das reclamacións feitas sobre as achegas e cotizacións á Seguridade Social dos traballadores e traballadoras saharauís nas empresas españolas durante o período colonial, antes de 1976. Hai tan só dous anos que, en nome do Foro Sindical Internacional de Apoio ao Sáhara, a CIG dirixiuse a ese Ministerio, se obter resposta satisfactoria e, nin as persoas afectadas, nin os seus familiares (pois moitas xa finaron), cobraron as cantidades ás que teñen dereito.
Sáhara libre
No encontro, a CIG reafirmou o seu compromiso xa histórico coa causa do pobo saharauí e trasladou a firmeza na consolidación deste marco de relacións no ámbito sindical coa UGTSARIO, ao tempo que se avanzou a necesidade de afianzar unha relación mellorada, máis estreita, de intercambio entre as respectivas realidades, quer para coñecer as necesidades e preocupacións do pobo traballador saharauí nos campamentos de refuxiados quer para denunciar os abusos por parte das autoridades marroquís e o desenvolvemento de proxectos coloniais por parte das potencias occidentais nos territorios saharauís ocupados por Marrocos, como se está a facer co grande proxecto de porto internacional proxectado en Dajla.
A CIG continuará a facerse eco da loita do pobo saharauí a nivel internacional até a consecución dun Sáhara libre, que só será posíbel mediante a desocupación por parte de Marrocos e a proactividade e firmeza, por agora inexistentes, da comunidade internacional.