A CIG reafirma o seu compromiso contra a transfobia e chama a participar na manifestación pola Visibilidade Trans
A Confederación Intersindical Galega (CIG) reitera a súa firme oposición aos discursos de odio e á transfobia, ao tempo que esixe o recoñecemento pleno e sen fisuras dos dereitos sociais e laborais das persoas trans e non binarias.
A central sindical defende a escolla libre da identidade e da expresión de xénero como un dereito fundamental, subliñando que a negación da autodeterminación de xénero constitúe unha vulneración dos dereitos humanos. Neste sentido, a CIG lembra que, como organización feminista, non pode nin debe permitir ningunha manifestación de odio ou discriminación cara a outras persoas.
Así mesmo, fai un chamamento a sumar forzas na loita contra os modelos e as normas impostas polo patriarcado, apostando por un feminismo baseado na diversidade, na inclusividade e na interseccionalidade das loitas.
No marco deste compromiso, a CIG mostra o seu apoio á manifestación pola Visibilidade Trans 2026, convocada por Arelas, que terá lugar o vindeiro domingo, 29 de marzo, ás 12:00 horas en Santiago de Compostela, con saída desde a Praza 8 de Marzo.
A CIG participou na comparecencia pública na que Arelas deu a coñecer a convocatoria na mañá deste mércores e anima a participar nesta mobilización como mostra de apoio aos dereitos das persoas trans e non binarias e como resposta colectiva fronte a calquera forma de discriminación.