A CIG reafirma a súa “tolerancia cero” fronte calquera tipo de violencia contra as mulleres
A Executiva Confederal da CIG, a raíz da denuncia interposta contra Alberte Amado por agresión sexual, vén de acordar trasladar o pronunciamento que, de seguido, se reproduce:
A Confederación Intersindical Galega expresa o seu posicionamento, sen fisuras, do lado da denunciante.
Rexeitamos e condenamos o acto de acoso sexual denunciado, e, en virtude do recollido nos Estatutos e Principios Ideolóxicos da central sindical, desde o momento de coñecer a existencia da denuncia demos os pasos pertinentes para garantir que o inculpado deixara de pertencer á CIG, tanto nos cargos orgánicos e sindicais que ostentaba, como na súa condición de afiliado.
Desde a CIG pronunciámonos e actuamos con contundencia contra o machismo, nunha política de TOLERANCIA CERO contra todo tipo de expresións de violencia contra as mulleres.