A CIG protestará nas obras do AVE contra a desidia do Goberno ante a reiteración de sinistros mortais
A Federación da Construción da CIG realizará durante a mañá deste venres 19 de outubro dous actos de protesta na comarca de Monterrei en denuncia da falta de compromiso das administracións no combate á alta concentración de accidentes mortais nas obras do AVE. Terán lugar ás 12.00 horas na praza do Concello de Verín e ás 12:45 en Cerdedelo (Laza), nas inmediacións dos traballos de construción do túnel.
Para a CIG-Construción “é intolerábel” que as administracións públicas continúen a facer oídos xordos a pesar das múltiples denuncias presentadas contra as precarias condicións de traballo e alta sinistralidade laboral nas obras do AVE no sur da provincia de Ourense, que desde o inicio dos traballos se saldou con nove falecidos/as, o último deles a pasada semana.
Denuncian que esta grave situación é produto da falta de controis, precarización e sobreexplotación imposta por empresas e subcontratas e padecida polos traballadores/as, que “se xogan a vida en xornadas maratonianas sen as medidas de seguridade preceptivas”.
Como exemplo, citan unha sentenza entre as múltiples que condenan ás UTEs das obras do ferrocarril por obrigaren un traballador a realizar un exceso de xornada de “nada menos que de 1168 horas extra en 10 meses”. “Contratan un traballador para que realice a xornada que corresponderían a dous”, sinalan.
Esta situación vese agravada ao tratarse maioritariamente de traballadores transfronteirizos, procedentes na súa maioría de Portugal, un colectivo vulnerábel pola condición de desprazados/as e que “sofren en maior medida a arbitrariedade e desprotección”.
Por iso e fronte o “desleixo absoluto” dos órganos de control do Estado para impediren este tipo de situacións, centos de delegados/as da federación vidos das diferentes comarcas concentraranse este venres 19 de outubro ás 12 horas na praza do Concello de Verín e no treito de túnel de Cerdedelo (Laza) a partir das 12:45.
Nos actos de protesta participarán tanto o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, como o secretario da FCM, Plácido Valencia.