A CIG-Prosegur concéntrase diante do IKEA "contra os abusos laborais e polo dereito a conciliar"
A sección sindical da CIG en Prosegur realizou unha concentración esta mañá diante do IKEA da Coruña en rexeitamento ao traslado de centro de traballo dun vixilante de seguridade, tras denunciar a mala praxe dun superior tanto diante da súa empresa (Prosegur) como do cliente para o que presta servizo (IKEA).
Este traslado, explica Mario Teijo, delegado da CIG en Prosegur, impediría ao traballador poder conciliar e malia os intentos de negociar coa empresa de seguridade privada para buscar un centro que facilitase un calendario laboral que lle permita atender as súas fillas, "a única medida que tomou Prosegur foi comunicar o trasladar do traballador (que leva no servizo de seguridade privada do IKEA dende o ano 2011) e do xefe de equipo, segundo dixo, cumprindo ordes do cliente IKEA".
"Este compañeiro non se merece que o cambien de lugar de traballo por poñer en coñecemento da empresa e do cliente unha mala práctica dun superior, e menos se este cambio resulta tan lesivo para a súa conciliación da vida laboral e familiar", explican dende a sección sindical.
A este respecto, sinalan que o traballador leva facendo labores de seguridade privada no IKEA dende o ano 2011 e até a data nunca tivera ningún tipo de problema laboral nin fora obxecto de sanción. Coincide que a súa muller tamén traballa como vixilante no mesmo lugar e ten unha redución de xornada por coidado de fillas menores de 12 anos. Porén, cando ambos coinciden nas quendas que lle impón a empresa non teñen familiares que se poidan facer cargo das súas fillas, unha situación que se complica cando lles toca entrar a traballar ás seis da mañá, ou cando o pai sae de noite e a nai entra de mañá, "porque non existen servizos de madrugadores que abran tan cedo".
A empresa non ofrece solucións
Todas estas circunstancias foron tratadas diante de Prosegur para tentar que lle facilitase un calendario laboral ao traballador ou lle buscara un centro que lle permita atender as súas fillas, como viña facendo até o de agora. "Pero a empresa non ofrece ningunha mellora", critican.
Neste senso, destacan que a esta situación chégase porque a empresa non tomou ningunha medida para protexer o seu persoal tras da denuncia pola mala praxe dun superior e polo tanto, houbo que pór en coñecemento do cliente (IKEA) esta situación para que obrigara a Prosegur a tomar medidas.
Finalmente, denuncian, quen paga as consecuencias desta inacción é o traballador, "ao que Prosegur e IKEA castigan cun traslado de centro de traballo que lle impide conciliar a vida laboral e familiar". Diante desta situación, a sección sindical da CIG en Prosegur convocou un calendario de mobilizacións que se repetirá todos os venres de outubro.