A CIG propón un paquete de medidas urxentes ante a carestía da vida e as consecuencias da guerra

Convoca mobilizacións para exixir ao goberno que non siga avanzado nas políticas neoliberais

Nacional -

Á grave situación económica e social xerada pola pandemia, que xa se viñera sumar á situación de emerxencia nacional que tiñamos en Galiza, engádese agora un incremento desmesurado da carestía da vida como consecuencia dos altos prezos da electricidade, dos combustibles, dos alimentos e de moitos bens de consumo básicos. Por iso a CIG aprobou esta mañá un paquete de Medidas Urxentes e de accións mobilizadoras para exixir ao goberno que non aproveite a guerra na Ucraína para ir máis alá nas políticas neoliberais que se veñen aplicando e que foron as que nos levaron a esta situación.

» Consulta aquí o documento completo das propostas da CIG

A primeira mobilización está prevista para o día 29 de marzo, ás 11:00 horas, nas catro subdelegacións, coincidindo coa celebración do Consello de Ministras e Ministros. O 5 de abril convocará unha manifestación en defensa da industria e do emprego na Galiza, con saída do Campus Sur, en Compostela, ás 11:00 horas e ten previsto celebrar asembleas de delegadas e delegados e posteriores concentracións en todas as comarcas o día 20 de abril.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, considera que “é indecente que neste contexto o Goberno acorde, de forma antidemocrática e sen aprobación parlamentaria, destinar máis cartos públicos para armamento, aumentándoo até o 2% do PIB”.

Entende ademais que “é imperdoábel que un Goberno denominado de esquerda siga sen tomar medidas de intervención pública na economía, sen levar adiante cambios profundos nas políticas económicas e fiscais” e que, porén, presente o chamado Plan de Resposta Económica á Guerra que “busca a contención salarial, impedindo a recuperación do poder adquisitivo dos salarios, consolidando os baixos salarios e a pobreza laboral, mentres a patronal vai á segunda volta das negociacións da reforma laboral para garantir o aumento dos seus beneficios a nosa costa”.

No mesmo sentido Carril cuestiona o chamado Pacto de Rendas e as negociacións do acordo estatal de negociación colectiva, porque “completa esta nova ofensiva onde, de novo, o diálogo social, UGT e CCOO, volven estar ao servizo do capital”, sob a premisa de impor a moderación salarial, imposibilitando calquera recuperación do poder adquisitivo dos salarios.

Neste contexto, Paulo Carril considera ademais “lamentable” que o goberno galego “estea máis preocupado en acometer a sucesión do PP no Estado” e siga practicando “unha política de inacción e de abandono das súas competencias para afrontar unha situación como a actual”.

Intervención pública do sector eléctrico

O paquete de medidas urxentes elaborado pola CIG, que reafirma as medidas xa defendidas para unha saída galega xusta da crise,  distribúese en cinco bloques, a comezar pola urxencia de articular medidas para baixar a factura eléctrica, que pasan por aprobar a intervención pública no sector eléctrico.

Neste sentido Carril lembra que “o mercado eléctrico no Estado español é o único da UE no que a última tecnoloxía en entrar no pool é a que marca o prezo, que despois repercute en todos os consumidores e consumidoras”. Por iso entende que é necesario acometer reformas “profundas, amplas e integrais” no sector eléctrico “para fixar unha tarifa eléctrica que poida garantir unha vida digna e o desenvolvemento dunha actividade económica, social e industrial que cree postos de traballo e que permita o desenvolvemento dun proxecto de vida”.

O secretario xeral da CIG considera que existen mecanismos legais para facelo e, por iso, a CIG propón que se fixe un  prezo de referencia para que o prezo final de consumidores domésticos e profesionais, que teñen unha potencia contratada entre os 10 e os 15 megavatios hora, oscile entre os 10 e os 60 euros por megavatio hora. Unha medida cunha duración de 24 meses, revisable trimestralmente, até a estabilización dos prezos dos últimos anos.

Canda isto reclama unha Tarifa Eléctrica Galega; modificar o sistema tarifario, limpando a factura de todos os cargos; unha rebaixa xeral no prezo da electricidade, retirándoa do pool; control e límite do beneficio obtido polas eléctricas, cun tope máximo de beneficio-minoración do exceso de retribución, como mínimo do 15% do custo de xeración. O que supere esta porcentaxe terá que pagar unha taxa pública para financiar o abaratamento do prezo da electricidade. E a creación dunha Empresa Pública Galega de Electricidade.

Isto xunto coa reversión das instalacións hidroeléctricas; a fiscalización das concesións hidroeléctricas en vigor; modificar transitoriamente os impostos que actualmente están na tarifa eléctrica e que as concesións de instalacións de produción de enerxías renovables cumpra as condicións ambientais e estean vinculadas a proxectos de desenvolvemento económico ou plans industriais.

Garantir o poder adquisitivo dos salarios

Para garantir o poder adquisitivo dos salarios a central sindical defende que os incrementos salariais se sitúen nos 1.226 euros/ano lineais (87 euros/mes, 14 pagas), incremento salarial do 4,50 % e que todos os convenios teñan garantida a cláusula de revisión salarial con carácter retroactivo a 31 de decembro de cada ano, conforme ao IPC interanual acumulado, non do IPC medio.

A CIG demanda tamén que se aproben as medidas necesarias para que na negociación colectiva sexan unha realidade de obrigado cumprimento as auditorías retributivas e os plans de igualdade, rematando dunha vez coa fenda salarial e as desigualdades de xénero.

Para a central sindical cómpre ademais fixar o salario mínimo interprofesional en 1.167 euros ao mes,  que corresponde ao 60% do salario medio do Estado español, tal como recomenda a Carta Social Europea.

Acceso aos combustíbeis

Para garantir o acceso aos combustíbeis a CIG apunta ademais a necesidade de que o goberno español fixe un prezo máximo de gasolina e diésel para paliar os altos prezos dos combustíbeis, cunha duración de 6 meses, mentres non se estibilicen os prezos e non se avance nunha solución fiscal xusta. “Para fixar estes prezos máximos, o Goberno tomará como base o prezo medio que existía en gasolineiras o 24 de febreiro de 2022”, conclúe.

Volver