A CIG propón melloras nas leis de axentes e bombeiras/os forestais aos grupos no Congreso
Os proxectos de leis básicas elaboradas polo MITECO están en fase de tramitación parlamentaria. Polo de agora para o persoal da Galiza non supoñen un avance en dereitos laborais e aínda menos nos dereitos de seguridade e saúde e xubilación. Para tratar de aportar solucións e mellorar aos textos no trámite de emendas, a CIG-Administración Autonómica mantivo este xoves xuntanzas con representantes do PSOE, Unidas Podemos, BNG e o PP no Congreso das e dos Deputados.
Proxecto de lei básica de axentes forestais
Aínda que mellora a Proposición de ano 2018, segue a deixar a este persoal sen xubilación anticipada con coeficientes redutores. Neste sentido, a responsable nacional da CIG-Administración Autonómica afirma que “é necesario que se recollan as funcións de DTE, ter en conta os riscos laborais na extinción e un catálogo de enfermidades profesionais e vixilancia de saúde adecuadas”. Ademais considera que cómpre eliminar o artigo 6, que marca a obriga dunha cooperación cos corpos e forzas de seguridade, cando “son competencias propias dos axentes e exclusivas da Galiza polo estatuto de autonomía”.
Proxecto de lei básica de bombeiros/as forestais
Para Burgos “non hai avances se os coeficientes redutores non recollen toda a nosa vida laboral”. Por iso defende que se prevea esa retroactividade no texto. Lembra que coa CIG, por fin, se conseguiu, no ano 2017 o recoñecemento da categoría de bombeiro/a forestal, base que serve para que o INSS recoñeza o coeficiente redutor de 0,20 e que implica que por cada 5 anos cotizados se xubilan un ano antes.
A responsable da CIG-Autonómica manifesta a súa preocupación polo estabelecemento dunha normativa de referencia diferente ao ET, o RD 1561/1995 pola que “se abre a posibilidade de empeorar as nosas condicións laborais, como os períodos mínimos de descanso entre xornadas”. Considera ademais que se perde a oportunidade de estabelecer unha vixilancia da saúde específica e un catálogo de enfermidades profesionais nesta profesión de alto risco.
Xunto a isto, e para non quedar diluídas nos distintos plans xerais de igualdade das administracións públicas, a CIG propón para ambas as normas un plan específico con medidas concretas que permitan a conciliación efectiva (con reforzos e medidas organizativas), que garantan a vixilancia da saúde desde unha perspectiva de xénero, o acceso ao emprego e o dereito á roupa, calzado e EPIs adaptados a anatomía de cada sexo.
Posicionamento dos grupos políticos.
Respecto das xuntanzas cos grupos parlamentarios, Burgos apunta que o PSOE acolleu con interese as propostas, comprometéndose a facer unha valoración xurídica da posibilidade da retroactividade dos coeficientes redutores. Explica que, en todo caso recoñeceron que “a elaboración dunhas normas básicas destas características ten moitos intereses enfrontados”. Por iso, segundo a responsable nacional, explicaron que procuraron chegar a acordos e non introducir elementos conflitivos na súa elaboración.
Na xuntanza con Unidas Podemos, que cualificou como “intensa”, abordáronse cuestións como a xubilación anticipada e a idoneidade, ou non, do artigo 6, que obriga aos axentes a cooperar cos corpos e forzas de seguridade. Segundo a secretaria nacional, Unidas Podemos mantivo en ambos os textos unha base mínima de condicións para todo o Estado como camiño de inicio.
Burgos explica que o BNG amosou coincidencia coas reclamacións do sector e a súa disposición a presentar emendas para tentar corrixir o texto e mellorar as condicións laborais na seguridade e saúde ao tempo que recoñecen a necesidade da xubilación anticipada.
O PP, pola súa banda defendeu as funcións dos corpos e forzas de seguridade. “Dixeron que entenden as diferentes características dos lumes en Galiza, recoñecendo a complicación e a intensidade do traballo e funcións na extinción”.
A CIG-Administración Autonómica contactou tamén con outros grupos aos que lles fixeron chegar as súas propostas, coma ERC, BILDU, PNV… e están pendentes de completar esas achegas coas cuestións que lles foron solicitadas nas xuntanzas de traballo desta xornada.
Valoración positiva
A CIG valora positivamente os encontros e a disposición de todos os grupos a reunirse coa representación do persoal empregado publico na Galiza, máis insiste en que “o único camiño de futuro é un servizo de incendios 100% público, único, profesional e estable, e coa maior seguridade a o persoal nesta profesión de alto risco”. Cuestións que para Zeltia Burgos hoxe non se resolven nestes textos que “son de todo insuficientes”.
Quedan poucas semanas para tratar de avanzar nestas cuestións e a central sindical vai insistir e loitar na mellora das condicións dos axentes ambientais e das bombeiras forestais. Por iso Zeltia Burgos fai un chamado as traballadoras e traballadres do sector para que contacten coa CIG ou cos delegados/as de referencia para facer aportacións.