A CIG propón aos gobernos medidas para reducir o impacto da crise económica e enerxética na clase traballadora

Mobilizarase o 6 de outubro en todas as comarcas e chama á conflitividade na negociación colectiva
Nacional - 09 Set 2022

A CIG presentou esta mañá, en rolda de prensa, un paquete de medidas -que remitirá aos gobernos español e da Xunta de Galiza- que teñen como obxectivo minimizar o impacto na clase traballadora da grave crise económica, social e enerxética na que xa estamos inmersos e que todo indica que empeorará nos vindeiros meses.

Así o explicou o secretario xeral, Paulo Carril, quen se referiu á grave carestía da vida, xa presente desde antes da guerra pero agravada desde o seu inicio, e que, advertiu que “está acelerando o aumento da pobreza da clase traballadora”, cunha a inflación que non para de subir, prezos da electricidade e dos combustíbeis que non baixan e produtos básicos a prezos desorbitados.

Unha situación diante da que denunciou “as nulas actuacións do Goberno galego” e considerou insuficientes as contempladas no chamado Plan e Resposta Económica á Guerra, porque van parellas “a un duro paquete de reformas para satisfacer as inxustas e fortes exixencias da UE para poder acceder a uns envelenados fondos europeos que nos están a hipotecar para o futuro.”

Por iso defendeu a necesidade de articular políticas que eviten que a clase traballadora sexa quen pague esta nova crise e advertiu que a central sindical non ten máis alternativa que “xerar dinámicas mobilizadoras máis intensas e máis extensas para facer fronte a esta situación, tanto ante as posicións da patronal, na negociación colectiva, como ante os Gobernos galego e español”.

Dez medidas urxentes

Carril debullou os dez paquetes de medidas, que seguen a liña das propostas para a recuperación económica, a industrialización e a creación de emprego digno e as propostas diante do incremento da carestía da vida e as consecuencias da guerra.

Respecto do encarecemento da electricidade, propuxo a creación dunha Tarifa Eléctrica Especial que fixe o prezo de referencia entre os 10 €/MWh e os 60 €/MWh para potencias contratadas iguais ou inferiores a 15 kW; a implantación dunha Tarifa Eléctrica Galega, eliminando a peaxe de transporte e aplicando unha redución do 10% da tarifa mensual a quen teña o seu domicilio en Galiza; limpar a factura dos cargos sen relación directa co funcionamento do sistema; a eliminación do mercado marxinalista; a creación dunha Empresa Pública Galega de Electricidade e a fiscalización das as concesións hidroeléctricas, prevendo a reversión das instalacións hidroeléctricas ao sector público.

Xunto a isto anunciou que a CIG defenderá incrementos salariais de 1.226 euros/ano lineais ; a inclusión en todos os convenios da cláusula de revisión salarial con carácter retroactivo conforme o IPC interanual acumulado e todas as medidas necesarias para que as auditorías retributivas e os plans de igualdade sexan unha realidade de obrigado cumprimento.

Reclamou ademais a suba do SMI a 1.197€/ mes, o 60% do salario medio do Estado español, tal como recomenda a Carta Social Europea e eliminar o IPREM como o indicador de renda para todo tipo de prestacións públicas.

Medidas en materia de emprego

Para a CIG é necesario que se prohiba simultanear un ERTE con outras medidas de recorte como descolgues, modificación das condicións de traballo ou desregulación da xornada, entre outras e que as empresas, para se acoller a ERTE estean ao día na actualización das revisións salariais, completando até o 100% os salarios, mantendo ao persoal temporal. Así o explicou o secretario xeral quen demandou ademais que se garanta o cobro do 70% da base reguladora durante todo o ERTE e que durante ese período non se consuma tempo de desemprego. Isto ademais de exixir a derrogación da reforma laboral de 2012.

Canto a medidas para frear o impacto da inflación, defendeu que o goberno fixe un prezo máximo da gasolina e do diésel mentres non se estabilicen os prezos e non se avance nunha solución fiscal xusta, tomando como base o prezo medio nas gasolineiras; o aumento das frecuencias e horarios do transporte público e a gratuidade e descontos que se aplican noutros territorios do Estado en toda a rede ferroviaria galega, “mentres non teñamos en Galiza cercanías”.

Canda isto demandou a revisión da taxa Tobin; un imposto para empresas que prestan servizos dixitais; prohibir a contratación e as axudas públicas a empresas que teñen a sede en paraísos fiscais ou eliminar os fondos destinados á igrexa no IRPF, entre outros.

Protección social e dereitos sociais

Foi a secretaria de Organización, Susana Méndez, quen presentou as medidas de protección social e dereitos sociais que defende a central sindical e que van desde a creación dunha Renda de Inserción Laboral e Social; a prohibición dos desafiuzamentos durante 2022 e 2023; a fixación de prezos sociais para evitar a pobreza enerxética nos fogares ou un parque público de vivendas sociais “para garantir o dereito a unha vivenda digna ás persoas vulnerábeis e sen recursos”.

Diante da suba de tipos de interese, propuxo a conxelación das cláusulas nas hipotecas en 2022 e 2023; conxelación das rendas de alugueiro durante o mesmo período; unha reforma fiscal xusta co pagamento dos tributos en Galiza de todas as empresas que teñan centros de traballo en territorio galego; a redución do IVE;a  modificación da escala de gravame do IRPF; un imposto especial sobre os beneficios da banca, os activos financeiros e o sector enerxético e unha auditoría da débeda pública e privada.

Méndez reiterou ademais a demanda da CIG da creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas e o reforzo da Atención Primaria, ademais dun incremento significativo do orzamento público destinado á atención á dependencia e do aumento das equipas de valoración  para reducir o tempo de resolución dos expedientes e da reapertura dos servizos públicos e de oficinas bancarias en todos os concellos, garantindo horarios que permitan a atención persoal de forma presencial para calquera xestión.

Un amplo abano de medidas que, como concluíu a secretaria de Organización, “deberían de se incluír nun Plan Galego de recuperación económica, industrialización, creación de emprego digno e servizos públicos de calidade, apostando en favor das forzas sociais galegas para o desenvolvemento deste proceso e non nas grandes empresas e nos fondos de investimento”.