A CIG promoverá unha Iniciativa Popular por un Sistema Público Galego de Atención ás Persoas

A pandemia puxo de manifesto o insuficiente investimento nos coidados e as ruindades do modelo de xestión do PP
Nacional - 03 Dec 2020

A pandemia da Covid-19 evidenciou ás claras o carácter esencial dos coidados, mais tamén o insuficiente investimento público nos servizos de atención e as ruindades do modelo de xestión privada promovido polo PP na Xunta, baseado na mercantilización das necesidades asistenciais e na precarización das traballadoras e traballadores que prestan estas tarefas.

Fronte a esta visión, a CIG ten en marcha unha campaña na demanda dun Sistema Público Galego de Atención ás Persoas integrado por unha única rede que integre as residencias da terceira idade, centros de día, de atención á discapacidade, axuda no fogar e outro tipo de servizos como Casas Niño, Casas do/a Maior, Xantar na Casa, etc, de xestión 100% pública e dotada suficientemente tanto de infraestruturas e material como de recursos humanos. 

A campaña require a recollida de 2500 sinaturas

Para facela realidade, explica o secretario xeral, Paulo Carril, a CIG levará esta reivindicación ao Parlamento a través dunha Proposición non de Lei de Iniciativa Popular –para o que se require recoller 2500 sinaturas- que poderá ser asumida por calquera grupo parlamentar para levala a pleno ou comisión.

Carril salienta que os recursos e servizos sociais de atención ás persoas teñen que deixar de ser unha actividade socialmente pouco valorada e con condicións de traballo precarias, para pasar a ser considerados servizos esenciais para a cidadanía a prestar pola Administración Pública en condicións de calidade asistencial para as persoas e con condicións de traballo dignas e estábeis para o persoal encargado dos coidados.

Nesta liña, a CIG reclama a aplicación do mesmo convenio colectivo e que se incorporen a esa rede pública todos os Servizos de Axuda no Fogar que actualmente se prestan dende os concellos, ben de maneira directa, ben a través de empresas privadas mais sempre en condicións de explotación laboral e deficiente dotación.

"Descoidar a quen coida é violencia machista"

Dentro desta campaña para pór os coidados no centro das políticas públicas, a secretaría das Mulleres da CIG centrou o 25 de Novembro, Día Internacional para a eliminación da Violencia contra as Mulleres, na denuncia de que malia a pandemia pór de manifesto a importancia dos traballos de coidados, estes non están a ser obxecto dunha protección especial, non se puxeron en marcha políticas públicas para reforzar e valorizar as profesións relacionadas cos coidados, nin se lexislou para garantir os dereitos de coidados das persoas.

Por esta razón, sinala a secretaria confederal, Margarida Corral, as mobilizacións deste ano realizáronse diante de edificios do Goberno español e da Xunta para chamar a atención sobre ese tipo de violencia machista menos visíbel, a violencia institucional, e sinalar a quen a ten responsabilidade de rematar con ela, porque “descoidar a quen coida é violencia machista”.

Ese é foi lema escollido para este 25N, para reivindicar que se lle dean as tarefas de coidados o valor real que teñen como traballos esenciais para a sociedade; e denunciar que, no contexto da pandemia, os poderes públicos “non adoptaron medidas sociosanitarias nin económicas con perspectiva feminista nin de clase porque o capital foi e está a ser quen xestiona a crise sanitaria e quen dita a resposta a esta”.