A CIG promove unha recollida de sinaturas instando a continuar coa negociación do convenio da conserva

Denuncia que tras a “traizón” de CCOO e UGT, que asinaron un acta de desconvocatoria, folga prevista carece de validez legal
Vilagarcía - 26 Xan 2026

A asemblea de persoas delegadas da CIG nas conservas de peixes e mariscos celebrada hoxe en Vilagarcía decidiu promover unha recollida de sinaturas entre as representantes sindicais do sector para trasladalas á xuntanza da mesa de negociación do convenio do luns 2 de febreiro como medida de presión para continuar coas conversas. No encontro que tivo lugar no Auditorio Municipal tamén se acordou desenvolver unha concentración diante da sede da Confederación de Empresarios/as de Pontevedra (CEP) en Vigo coincidindo coa reunión da comisión negociadora ás 12:00 horas.

Por outra banda, a CIG denuncia que tras a “traizón” de CCOO e UGT, que asinaron un acta de desconvocatoria das mobilizacións tras a proposta de convenio da mediación, as dúas xornadas de folga previstas para este martes 27 e para o mércores 28 de xaneiro carecen de validez legal. 

A central desenvolverá unha protesta na CEP en Vigo o luns día 2 ás 12:00h coincidindo coa próxima xuntanza da comisión negociadora

Ao longo desta semana a central sindical procederá a recoller os apoios do maior número de persoas delegadas das distintas empresas do sector das conservas en todo o país tanto para expresar o seu desacordo coa última proposta de convenio e reclamar da parte social que non proceda á súa ratificación para que poidan continuar as negociacións.

<<As persoas que asinamos o presente escrito non nos sentimos representadas por quen decida asinar o novo convenio nesas condicións, pois a proposta non recolle nin de lonxe as pretensións das persoas traballadoras e queda moi afastada do obxectivos que nos tiñamos marcados para a presente negociación>>, tal e como se recolle no prego de sinaturas. De feito, trátase dunha proposta que empeora a última achegada pola patronal e que supón un retroceso en dereitos laborais con respecto ao anterior convenio.

A pesar disto, CCOO e UGT decidiron romper a unidade de accións sindical asinando un acta de aprazamento das mobilizacións, optando por non participar na manifestación deste pasado sábado e deixando sen validez legal a convocatoria de folga prevista, segundo sinalan dende os servizos xurídicos da CIG.