A CIG insta a arbitraxe do Consello Galego de Relacións Laborais para resolver o conflito de Xustiza
Ante a situación no conflito aberto no sector da Xustiza en Galiza e ante a parálise das negociacións para poder chegar á consecución dunha solución satisfactoria para todas as partes, a CIG vén de remitir un escrito á Presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais solicitando que poña en marcha unha arbitraxe, tal e como está estipulado no AGA, para a súa resolución mediante laudo arbitral.
A CIG mantén que o resultado das votacións do principio de acordo que foi levado as asembleas constatou que a maioría das traballadoras e traballadores non consideran que así se poña fin ao conflito; que a folga continúa até acadar unha solución e que esa solución pasa pola intervención do Consello Galego de Relacións Laborais.
Para a CIG a/o árbitro, debe ser quen as partes do conflito acorden de entre a listaxe das/os que hai no Consello Galego de Relacións laborais. En todo caso entende que debera ser a propia Presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais quen ditase o laudo que permitira pechalo definitivamente.
Só no suposto de que a Xunta de Galiza acepte esta arbitraxe, a CIG entendería que se dan as condicións para unha suspensión da folga.
Unha suspensión sen garantía de interlocución real e inequívoca por parte da administración, para chegar a un acordo, é unha saída irreal que non resolve o conflito.