A CIG presidirá a xunta de persoal da área sanitaria de Vigo
A federación de Saúde da CIG preside dende o venres a xunta de persoal da área sanitaria de Vigo, unha vez constituído o órgano de representación do persoal tras o proceso de eleccións sindicais celebrado no Sergas o pasado 11 de maio. A central asumiu tamén a presidencia da comisión de centro do servizo de Atención Primaria.
A CIG-Saúde presentou a candidatura formada por María do Pilar Rodríguez Pérez, como presidenta, e por Francisco Xosé Gómez, como secretario, que resultou finalmente elixida ao recibir a maioría dos votos das delegadas/os pertencentes aos sindicatos con representación.
A nova xunta de persoal acordou crear a comisión de centro do servizo de Atención Primaria, que tamén presidirá María do Pilar Rodríguez Pérez, con Yolanda Barcia Rodríguez como secretaria, ambas da CIG. E tamén a comisión de centro de Atención Hospitalaria, con María José Diéguez Beltrán como presidenta e con María José Fernández Alonso como secretaria (CCOO).
Nas pasadas eleccións sindicais no Sergas a CIG obtivo 7 representantes, os mesmos que CCOO, sendo a organización sindical máis votada na Atención Primaria e no hospital Álvaro Cunqueiro.
A nova presidenta da xunta de persoal, María do Pilar Rodríguez, é enfermeira na área sanitaria de Vigo, na actualidade cun contrato de interinidade en praza vacante na UCI pediátrica. Anteriormente traballou no ámbito da Atención Primaria con distintos contratos eventuais. É ademais a secretaria comarcal da CIG-Saúde de Vigo.