A CIG denunciará perante a fiscalía vulneración de dereitos fundamentais en Transportes Calviño Bascoy
A CIG de Compostela anunciaba esta mañá, en rolda de prensa, a súa intención de denunciar perante a Fiscalía a grave situación laboral que padecen os traballadores/as da empresa de transportes José María Calviño Bascoy, S.L.. Unha situación que se resume en: represión, despedimentos exemplarizantes para amedrentar ao persoal, baixas por acoso laboral, vulneración de dereitos fundamentais ou incumprimento das recomendacións da Inspección de Traballo, entre outras.
“Unha situación como esta, dunha empresa na que a vulneración de dereitos fundamentais é continua e sistemática, mesmo con ameazas e con traballadores que teñen que coller baixa por acoso laboral, lévanos como central sindical a pór estes feitos en coñecemento da fiscalía poñendo unha denuncia para que se indague e se leven a cabo as actuacións oportunas”.
Así o explicaba o secretario comarcal, Anxo Noceda, quen compareceu acompañado do representante da FGAMT, Inácio Pavón.
CHEPE España exixiu que fixera un listado con todo o persoal afiliado á CIG para rematar co movemento sindical na empresa
Noceda asegurou ademais que esta vulneración de dereitos queda acreditada por medio de gravacións nas que a empresaria de Calviño “recoñece explicitamente que a empresa para a que traballan como cliente principial, CHEPE España, lle exixe que faga un listado con todo o persoal afiliado á CIG a efectos de rematar co movemento sindical que existe nese momento na empresa”.
O secretario comarcal da CIG denuncia que a empresa de transportes mesmo incumpriu instrucións da propia Inspección de Traballo e que a súa asesoría laboral, FISELA, actuou como representante de Transportes Calviño, cando a súa función debería ser dicirlle á empresa cales son os cauces legais polos que se debería mover.
“Estamos afeitos a que por parte das xestorías se retorza a legalidade para que as empresas aínda obteñan maiores beneficios pero probablemente esta sexa das primeiras veces que se dea un caso así: quen debería asesoralos na legalidade non só non o fai, senón que vai aínda máis alá das pretensións da propia empresa mesmo ameazando aos traballadores diante da Inspección”, asegurou.
Noceda lembrou ademais que a empresa de transportes xustificou diante dos traballadores e traballadoras a súa actuación ilegal e os incumprimentos do convenio colectivo alegando que é unha empresa familiar, que hai unha situación de crise e que tiñan que arrimar o ombro entre todos.
Porén, o secretario comarcal da CIG desmente estas cuestións xa que “das contas rexistradas no ano 2015, esta empresa repartiu en beneficios 560.000 euros. E estas son as contas rexistradas, xa que temos datos de que a contía económica facturada pola empresa é superior á rexistrada. Polo tanto debuxa unha situación económica que, desde logo, non está sometida nin á situación de crise xeral, nin podemos tratala, por esa dimensión económica, como unha empresa familiar”.
Persecución e acoso
A situación á que se vén sometidos os traballadores/as en Transportes Calviño Bascoy vén arrastrándose, segundo explicou Inácio Pavón, desde a convocatoria de eleccións sindicais, a mediados de 2015. Daquela “a empresaria, Cristina Calviño, estivo intentando saber quen era a persoa ou persoas que se ían presentar, tratando de convencer aos traballadores de que non lles facía falta ter un delegado de persoal, que podían arranxar entre eles como fixeran sempre e que se había algún problema tíñanllo que dicir a ela.”
Malia os intentos por frustrar as eleccións finalmente celebráronse e gañou a CIG. A partir de aí solicitáronse varias xuntanzas para tratar aquelas cuestións como horarios –porque superaban as doce e catorce horas de xornada-; dietas –que non se abonaban correctamente-; categorías profesionais ou vacacións, nas que se incumpría o convenio colectivo. Xuntanzas que se celebraron sempre cun representante da Asesoría FISELA, que actuaba en nome da empresa.
O representante da FGAMT sinala que sobre todas estas cuestións os traballadores/as estaban dispostos a negociar e a aceptar que se avanzara no seu cumprimento progresivo. Porén, no relativo a horarios, a empresa comunicoulles que tiñan que poñerse en contacto con eles en canto levaran cumpridas as oito horas de traballo para recibir instrucións. “Pero a instrución que lles deron foi que, naquel sitio no que estiveran pararan e quedaran a durmir no camión, cando eles traballan no transporte diario e sempre durmiran no seu domicilio, polo que nin sequera tiñan roupa para facelo”, afirmou Pavón. “Pero era ou iso ou asinar un papel conforme renunciaban a reclamar horas extra”.
Como os traballadores continuaron reclamando os seus dereitos, despediron a dous, o que provocou os efectos desexados: sementar o medo entre o persoal, que non se atreveu a saír en defensa dos compañeiros e exixir a súa readmisións. “A consecuencia foi que a empresa se sentiu forte e a partir de aí se sucederon as presións e ameazas que derivaron na revogación do delegado da CIG por métodos fraudulentos”. Unha situación que xa tivo como consecuencia que, a día de hoxe, haxa tres traballadores de baixa por presións e acoso laboral, outro traballador máis despedido e varios sancionados”.
Pavón sinala que todo isto foi denunciado no xulgado e posto en coñecemento da Inspección de Traballo que emitiu dúas actas nas que lle indica á empresa como se ten que realizar a lectura do tacógrafo e que instrucións ten que impartir aos traballadores para o seu correcto uso. “A empresa conscientemente dá ordes confusas e contraditorias para poder sancionar aos traballadores. Ordes que en moitos casos poñen en risco tanto a seguridade do traballador como de calquera persoa que poida circular pola estrada”.
A modo de exemplo o representante da FGAMT de Compostela explicou que obrigou a traballadores que sempre levaron un camión pequeno, non articulado e de menos de 10.000 quilos, a conducir un tren de estrada, que é o máis largo permitido neste momento pola normativa de transporte no estado e que non teñen capacitación para levar. “Unha tensión” asegura Pavón, “que provocou tale tensión a un traballador que derivou na súa baixa”.
Outro dos exemplos que puxo foi que se lles deu orde de, na carga e descarga, poñer o disco en pausa e meterse na cabina do camión. “Isto incumpre a normativa xa que o condutor ten que estar sempre participando ou vendo como se coloca a carga para saber as condicións nas que vai porque logo é o responsábel da mesma durante o transporte e até a entrega”.
A inspección de Traballo xa requiriu á empresa que aclarase cales eran esas ordes e a empresa diante da propia inspección manifestou que os traballadores fagan como entendan e que despois se son sancionados xa recorrerán. “Efectivamente o traballador que fixo esta consulta un venres estaba sancionado o martes da semana seguinte”.
Campaña
Por iso a CIG de Compostela acordou iniciar unha campaña de información pública para dar a coñecer este caso con pancartas e mobilizacións. A primeira está prevista en Deixebre, Oroso, no quilómetro 43.3 da N-550, este xoves día 15 de decembro.
Xunto ás mobilizacións puxéronse en marcha accións legais e xa están presentadas varias demandas por despedimento, varias polas sancións e varias por vulneración de dereitos fundamentais. Ademais de presentarse a CIG no caso dada a gravidade da situación.