CIG presentará recurso contra a sentenza do TSXG que exime a Novafrigsa de pagar ás cotizacións do persoal falso autónomo
A Confederación Intersindical Galega, na súa condición de central sindical máis representativa e con presenza no comité de Novafrisga, vai presentar recurso de casación contra a sentenza do TSXG que, contra o criterio do Xulgado do Social número 3 de Lugo, vén de considerar que esta empresa non ten que abonar ás cotizacións á Seguridade Social dos últimos catro anos de máis de 300 traballadores e traballadoras a quen mantiña como persoal falso autónomo.
» Novas anteriores sobre este conflito
O secretario comarcal da FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña, Christian López, salienta que a complexidade deste conflito facía prever que a súa resolución se prolongaría no tempo e implicaría aos máximos órganos xudiciais, "polo que a data presente podemos informar que todas as opcións se atopan intactas".
Neste senso, lembra que dentro do conflito pola regularización da contratación e a mellora das condicións laborais na industria cárnica de milleiros de traballadores e traballadoras que se atopan como persoal falso autónomo a través da falsa cooperativa Servicarne, na provincia de Lugo o caso máis favorábel deuse no Grupo Sada PA SA (Castro Ribeiras de Lea) que, en similares circunstancias ao persoal de Novafrigsa, "obtivo unha sentenza do TSXG recoñecendo a relación laboral do persoal contratado como falso autónomo e que terá o seu desenlace final, ó igual que Novafrigsa, na máxima instancia xudicial".
Incide en que dende o primeiro intre "a CIG apostou por denunciar activamente a situación de explotación deste persoal falso autónomo no Grupo Coren e, grazas ao conflito e a loita desenvolvida polos traballadores e as traballadoras, conseguiuse normalizar a legalización deste persoal que, dende 2018 cando menos, atópanse encadrado no Réxime Xeral da Seguridade Social.