A CIG presentará recurso contra as novas bases do proceso de consolidación de emprego impostas polo Concello de Sada
A CIG vai presentar recurso de reposición contra as novas bases impostas polo Concello de Sada para o proceso de consolidación do emprego temporal de longa duración, a consecuencia da singular aplicación da lei 20/2021 que está a realizar o actual Goberno municipal e que deixan en inferioridade de condicións o persoal temporal deste municipio, en comparación co dos concellos da comarca máis próximos.
O responsábel de Administración Local da CIG na Coruña, Roberto Tizón, explica que as organizacións sindicais que teñen a consideración de máis representativas na Galiza (CIG, UGT e CCOO) asinaron un acordo de bases coa FEGAMP para os procesos de consolidación de emprego temporal, realizados ao abeiro da lei 20/2021.
Este acordo ten como obxectivo facilitar que o persoal que ocupa estes postos con carácter temporal acade, por fin, a estabilidade laboral, impedindo ao tempo que estes procesos se convertan nun concurso de traslados de empregados e empregadas públicas con relacións laborais ou estatutarias de carácter fixo e permanente dunhas administracións a outras, acadando a propiedade de máis dunha praza ou posto de traballo. Engade Tizón que, estabilizar o persoal que ocupa as prazas na actualidade, tamén lle aforra moitos cartos en indemnizacións aos concellos. Estas bases serviron como modelo na maior parte dos concellos do noso país.
Cambio de Goberno e cambio de criterios
O pasado 17 de novembro chegouse a un acordo na Mesa Xeral de Negociación do Concello de Sada para aplicar as bases do acordo coa FEGAMP para os procesos de consolidación neste municipio. Pero tras a moción de censura que trouxo unha nova alcaldesa "e co argumento de que a secretaria do Concello ía informar en contra, -algo que as e os habilitados nacionais fixeron na práctica totalidade dos concellos-, anularon o acordo e impuxeron unhas novas bases (que segundo a alcaldesa si estaban avaladas pola secretaria municipal) co voto en contra unánime dos sindicatos que formamos parte da Mesa Xeral de Negociación", subliña Tizón.
O representante da CIG-Administración advirte que estas bases aprobadas polo novo Goberno municipal colocan o persoal temporal do Concello de Sada en inferioridade de condicións en comparación co persoal temporal dos concellos da comarca mais próximos, como Betanzos, Oleiros, Bergondo ou A Coruña, "que si terán posibilidades de acceder ao Concello de Sada mentres que o persoal de Sada non terán opción de acceder aos postos destes concellos".
"Se ben xa é bastante grave que a alcaldesa manifeste publicamente que non faría nunca nada en contra do criterio da secretaria municipal, parecendo que no que queda de mandato quen goberne en Sada será a secretaria; o peor de todo é que as bases impostas pola Alcaldía son, como mínimo, tan cuestionábeis como as anteriores, e dende logo conteñen moitos máis erros que as avaladas polas organizacións sindicais, como demostra que aos poucos días xa tiveran que publicar unha corrección de erros", denuncia Tizón.
Malia esta corrección, a CIG critica que "o noso entender deixaron moitos outros erros sen corrixir o que trae como consecuencia que nos vexamos na obriga a presentar un recurso de reposición contra as citadas bases".