A CIG presentará querela criminal contra Tegestacín por insolvencia puníbel
A FGAMT-CIG denuncia que Tegestacín está a retomar "a súa fraude" avanzando no desmantelamento das instalacións de Outeiro de Rei. A empresa retomou esta semana o proceso de desmontado da maquinaria na factoría "co obxectivo de venderlla a empresas de chatarra e sen garantías de repercutir os importes desas operacións sobre as débedas actuais", que inclúen salarios e indemnizacións ao seu persoal.
No mes de abril, a CIG xa advertía do inicio do desarmado das instalacións, que foron paralizadas despois desta denuncia. De maneira paralela apareceu un posíbel grupo interesado en facerse coa fábrica láctea. Porén, explica Christian López, secretario da FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña, o avanzado estado de abandono das instalacións e a retirada do material produtivo levaron á perda do interese pola compra da planta, cando menos neste fase.
Mais, lonxe de avanzar no procedemento concursal -a empresa está en preconcurso, tras aplicar un ERE en febreiro e paralizar a actividade-, Tegestacín avanza no desmantelamento total da planta coa venda da maquinaria para chatarra pero sen garantías de que eses cartos se utilizarán para pagar as débedas que aínda mantén co seu persoal polo impago dos salarios e as indemnizacións.
Por este motivo, a CIG e persoal afectado, instarán querela criminal por insolvencia puníbel, "posto que hai evidencias suficientes do delito que están a perpetrar os actuais administradores desta empresa". Do mesmo xeito, na mañá deste venres realizouse denuncia no posto da demarcación correspondente da Garda Civil "diante da actuación de persoal alleo á empresa nas instalacións no que está a supoñer unha clara operación en ‘B’ desta empresa".
Ante estes feitos, a CIG insta tamén a Fiscalía a que tome medidas "contra a impunidade e o descaro co que están actuando as persoas con responsabilidade neste entramado de empresas, pois en consecuencia estarase actuando a prol dunhas mellores garantías para as persoas acredoras, entre outros, o persoal despedido".