A CIG presenta unha denuncia contra a Xunta por non proporcionar máscaras FFP2 ao persoal
A CIG-Administración Autonómica vén de presentar denuncia contra a Xunta por incumprir a lexislación en materia de protección de riscos laborais, por non subministrar máscaras FFP2 ao persoal das escolas infantís e os centros de maiores, malia seren requiridas pola autoridade laboral.
Nas escolas infantís, centros de día e residencias de maiores dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e da Axencia Galega de Servizos Sociais e residencias de xestión directa, dependentes da Consellaría de Política Social, as persoas usuarias non levan máscara (escolas infantís de cero a tres anos) ou non a levan en moitos momentos da xornada (persoas maiores dependientes), menores residentes ou mesmo persoas con discapacidade ou diversidade funcional.
A CIG-Administración Autonómica denunciou, xa no mes de agosto, na dirección territorial de Galiza da Inspección de Traballo e Seguridade Social, entre outras cuestións, a falta de equipos de protección individual de protección respiratoria para o cadro de persoal de escolas infantís porque os nenos e as nenas non levan máscaras e, evidemtemente, non se pode manter a distancia de seguridade. O que ten unha crianza ao seu coidado ten que darlle afecto, o que implica proximidade, hai que collelas no colo para consolalas, darlles de comer e cambialas; momentos estes nos que se expulsan gran cantidade de aerosois.
Tamén se puxo en coñecemento da Autoridade Laboral a falta de máscaras FFP2 nos centros de día e residenciais, para a protección do cadro de persoal exposto ao risco. Moitas das persoas usuarias dos centros de maiores sofren demencias, polo que sacan a máscara, e teñen que ser axudados no aseo (da boca tamén) e na inxesta; neste momento da inxesta acostuman tusir por broncoaspiración, ou simplemente non a poden ter colocada todo o día.
A autoridade laboral, despois de realizar as dilixencias oportunas e requirir a protección respiratoria do persoal mediante as máscaras FFP2, manifestou que a administración xa lle comunicara a súa decisión de non proceder a subministrar esttes EPI para as escolas infantís e os centros de maiores.
Para xustificar a sua negativa a protexer ao persoal deste risco laboral a consellería de Política Social e o Consorcio achegaron á inspección de traballo un informe do Comité Clínico no que indican que non é necesario usar máscaras FFP2 nestes servizos e, aínda así, a autoridade laboral, reitera no seu requirimento e resolve que teñen que subministrar estes EPIS aos cadros de persoal
A CIG-Administración Autonómica cuestiona quen e éste comité clínico, do que apenas se sabe nada, e que é quen de indicar que non se precisa protección respiratoria para traballar con usuarios sen máscara. E pregúntase se é o mesmo que lle indicou ao presidente da Xunta que exixira unha resposta do Ministro de Sanidade respecto de se estaban indicadas as máscaras FFP2 na poboación xeral. A isto engade que mentres lle denegan estas máscaras ao seu persoal, a conselleira de Política Social, Fabiola García, nas visitas aos centros de traballo, preséntase usándoas.