
A CIG presenta unha alternativa para que Galiza pase de ser “territorio de sacrificio” a “potencia enerxética soberana”

A CIG presentou esta mañá en rolda de prensa “Bases para unha estratexia galega da enerxía. Obxectivos e actuacións”. Un documento elaborado a partir dunha exhaustiva análise do sector no que se debulla unha estratexia galega que poña a enerxía ao servizo do pobo, rompendo co actual modelo colonial, promovendo a soberanía, a xustiza social e a sustentabilidade. Unha alternativa que permita ao noso país pasar de ser “territorio de sacrificio” a converterse en “potencia enerxética soberana”.

Así o explicou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen lembrou que o actual papel que ten Galiza “é consecuencia da imposición de decisións alleas, moitas delas no período ditatorial franquista, e da que seguimos sen obter ningún tipo de beneficio”. Un papel de fornecedora de enerxía eléctrica para gran parte do Estado español, onde “o excedente e a exportación de enerxía está situado nunha media dun 35-40% nos últimos anos, en base ao potencial hidroeléctrico, aos xacementos de carbón, acrecentado posteriormente co desenvolvemento eólico e os ciclos combinados de gas natural”, sinalou.
Un deseño centralista do Estado español que considerou que reserva para outras zonas e territorios do Estado a industrialización, o aproveitamento e a reversión dos beneficios que pode xerar esta produción de enerxía. De aí a importancia da que ten para Galiza o sector e, como sinalou Carril, “a necesidade de termos unha estratexia propia de enerxía orientada a aproveitar os nosos recursos, nós, con estas propostas básicas para unha estratexia galega da enerxía” que en tendeu lexitimada logo de anos de traballo e de presentación de propostas e mesmo ILPs.

Electricidade para exportar
Foi o coordinador da Mesa de Enerxía da CIG-Industria, Fernando Branco Parga, quen sintetizou os obxectivos da estratexia deseñada pola central sindica e quen denunciou que hoxe Galiza é un “territorio de sacrificio” enerxético, “destinado a producir electricidade, pero non polas necesidades propias que temos nós, senón para exportar”.
Segundo Branco, Galiza superou o obxectivo estatal de 2030, cun 84% da produción eléctrica renovable en 2024 (fronte ao 81% previsto), pero non logrou electrificar o consumo enerxético para desprazar combustibles fósiles. Destacou que “temos o mellor recurso eólico e hidroeléctrico de todo o Estado”, contribuíndo co 24-25% da xeración hidroeléctrica nacional. Sinalou que, porén, o “boom” eólico responde a intereses de empresas eléctricas, que “están buscando os mellores lugares de ubicación, porque llo permite a lexislación actual”, sen beneficio local e que “máis do 80% dos concellos teñen infraestruturas eléctricas, sen que isto reverta en riqueza”.

Lembrou ademais que a CIG vén criticando a tarifa eléctrica única estatal, vixente desde 1951, que penaliza fiscalmente Galiza ao favorecer zonas de maior consumo. Denunciou que xerar electricidade para consumos a 600 km é “un despilfarro económico e ecolóxico” e que “non ten lóxica a electricidade como produto” se non é de proximidade e sinal ou que, por iso, a CIG propón priorizar o consumo local e o desenvolvemento industrial, aproveitando os recursos renovables en beneficio do pobo galego.
Branco sinalou que a lexislación actual perpetúa un modelo onde “as empresas eléctricas” instalan proxectos sen atender ás necesidades de Galiza, mantendo o país nun rol de fornecedor. Isto, xunto coa falta de políticas de electrificación, “provoca que cada vez exportemos máis electricidade” sen beneficios locais. E concluíu apostando por “reverter a situación actual” mediante reformas lexislativas que dean a Galiza control sobre os seus recursos. “Ese recurso ten que vir en beneficio do país”, insistiu Branco, para que a capacidade renovable se traduza en “economía, tanto doméstica como industrial”, superando o sistema que favorece a exportación e a dependencia.

Propostas concretas
Pola súa banda Quico da Silva, coordinador do traballo, defendeu que “a electricidade e a enerxía deben ser un ben público” e o seu suministro, “un servizo esencial e universal”, nun contexto de descarbonización e electrificación da economía.
Foi el o encargado de explicar as 11 medidas de ámbito galego e 8 estatais propostas pola CIG, aproveitando as competencias da Xunta para avanzar na soberanía enerxética. Neste sentido subliñou que un piar central é o plan social, que combate as desigualdades da transición enerxética, que “está a crear máis desigualdades sociais” e xera rexeitamento cidadán. Insistiu en que “a cidadanía debe estar informada, sensibilizada e cualificada” sobre enerxía, mediante formación en centros educativos, universidades e espazos non formais, para fomentar a participación crítica e evitar dependencias externas e engadiu que este plan inclúe, ademais, medidas fiscais para corrixir a “transferencia de rendas das clases menos favorecidas ás que máis recursos teñen”.
Outra proposta clave é unha Lei Galega do Sector Eléctrico, que priorice o “consumo local, de proximidade, de quilómetro cero”, garantindo eficiencia económica e ambiental. Esta lei sustentaríase nunha empresa pública de enerxía, que “podería estar actuando xa na planificación enerxética do país”, ofrecendo prezos competitivos mediante acordos de compravenda (PPAs) e actuando en xeración, transporte, distribución e comercialización. Da Silva destacou que “non hai ningún inconveniente” para a súa creación inmediata.

O almacenamento enerxético é outro eixe, con tecnoloxías estacionais como o bombeo hidroeléctrico para trasladar a produción abundante de outono e inverno ao verán, cando hai maior demanda. A empresa pública xestionaría centrais hidroeléctricas con concesións caducadas, que “a Xunta non está a recuperar”, e instalacións en concas intercomunitarias, que deberían pasar a control autonómico.
Na distribución eléctrica, actualmente dominada por empresas privadas como Naturgy, a CIG aposta por unha xestión autonómica a través da empresa pública. Da Silva criticou que os puntos de acceso e conexión á rede, controlados por estas compañías, “impiden coñecer quen fai uso deses nodos, para que proxecto e con que criterios”, demandando maior transparencia.
A CIG busca que Galiza aproveite “o mellor recurso renovable de todo o Estado” para o beneficio do pobo. Por iso da Silva concluíu que estas medidas permitirán “que a xeración eléctrica do país sexa en beneficio do propio país”, promovendo xustiza social, sustentabilidade e desenvolvemento económico.
RESUMO
BASES PARA UNHA ESTRATEXIA GALEGA DA ENERXÍA. OBXECTIVOS E ACTUACIÓNS
O documento "Bases para unha Estratexia Galega da Enerxía" elaborado pola Confederación Intersindical Galega (CIG) -do que se recolle aquí un texto resumido- propón transformar o modelo enerxético de Galiza, superando a súa histórica dependencia e o papel imposto de subministradora de electricidade para o Estado español.
O estudo parte da situación enerxética galega no marco temporal de 2023, últimos datos publicados no momento da elaboración, e no contexto dunha transición co obxectivo de descarbonizar a base de electrificar, de xeito directo ou indirecto con distintos vectores enerxéticos, escenario con posibilidades moi potentes para Galiza.
A CIG propón unha estratexia enerxética galega que rompa co actual modelo colonial, promovendo a soberanía, a xustiza social e a sustentabilidade. Aproveitando o excedente eléctrico e o potencial renovable, busca un sistema público que priorice o consumo local, a participación cidadá e o desenvolvemento industrial. No ámbito estatal, reclama cambios lexislativos para equiparar recursos naturais e reforzar competencias autonómicas. A central sindical afirma que a transición enerxética debe ser planificada para evitar desigualdades, impulsar a innovación e garantir beneficios para Galiza.
Excedentaria en xeración eléctrica (exporta unha media do 35-57%) -e dependente enerxeticamente pola importación de combustibles fósiles-, cubrindo desde 2020 o seu consumo interno con renovables en cómputo anual, demanda eléctrica que caeu un 33% en 2023 respecto á media 2011-2020 -no resto do Estado foi do 5%-, pola paralización de industrias electrointensivas como Alcoa e unha menor demanda doméstica e industrial. Isto reflicte unha transición enerxética incompleta, xa que non se observa un aumento do consumo eléctrico en substitución dos carburantes fósiles.
A densidade de potencia eólica (0,131 MW/km²) é a maior do Estado, e o 83,1% dos concellos teñen centrais de xeración, evidenciando unha forte presión sobre o territorio, resultado dun modelo centralista que prioriza intereses externos e xera impactos sociais e ambientais sen retorno económico significativo.
Logo dunha análise das políticas enerxéticas estatal e galega, e das estratexias doutras zonas do Estado establecidas ata xullo de 2024, a CIG fixa unha serie de obxectivos e actuacións, no ámbito galego e estatal, que determinan as bases dunha estratexia propia, imprescindible, necesaria, obrigada e urxente, baseada na soberanía, a xustiza social e a sustentabilidade, coa premisa dunha visión da enerxía como un ben público e da súa subministración como un servizo público, básico, esencial e universal.
Obxectivos e actuacións
A maioría das 19 medidas que integran as bases poderían, con decisión política, desenvolverse no actual marco competencial e regulamentario, aínda que outras demandan modificacións legais. Actúan sobre do conxunto das actividades do sistema eléctrico, na xeración, no transporte, na distribución, e na comercialización, nun marco propio establecido por unha Lei Galega do Sector Eléctrico, que maximice as competencias autonómicas, promova a enerxía de "quilómetro 0" (consumo local) e regule a participación local (oferta mínima do 51% da propiedade, e efectiva dun 20% mínimo), e por un Plan Galego Integrado de Enerxía e Clima, ferramenta de planificación propia para priorizar o beneficio económico e social, cun consumo no País, sen renunciar ás necesarias e imprescindibles conexións.
Como complemento do anterior, e como un elemento tamén fulcral, contémplase un instrumento de xestión propio, un Ente Público ou Empresa Pública Galega da Enerxía, para participar e dirixir a transformación enerxética, unha aporta pola planificación, impulso e participación nos diferentes sectores enerxéticos, polo de atracción de empresas de bens e servizos de gran valor engadido, impulsando a cadea de valor e a I+D+i e a competitividade, sobre de todo no almacenamento enerxético.
Fronte ao actual incremento das desigualdades sociais derivado da actual planificación e execución da transición, a CIG entende prioritario e indispensable un Plan Social de información, sensibilización, capacitación e recualificación, que posibilite a participación activa, consciente e crítica, individual e colectiva, que contemple instrumentos e mecanismos de equidade social.
Demandas xa coñecidas desenvoltas pola CIG, mesmo coa tramitación de ILPs, como a recuperación das centrais hidroeléctricas con concesións superadas, tamén as inter-comunitarias, para a súa xestión pública, ou a Tarifa Eléctrica Galega, cunha maior concreción, tamén forman parte das bases.
No ámbito estatal inclúense medidas sinxelas de aplicar (pagos por capacidade, estatuto electrointensivo, melloras nos nodos de evacuación e conexión, eliminación do límite dos 50 MW para unha autorización exclusiva autonómica), e outras que requiren de maior decisión política, non pola súa complexidade, como a consideración do vento como ben público, equiparándoo á auga, para substituír autorizacións administrativas por concesións temporais que revertan á sociedade; a obrigatoriedade de actos públicos rexistrados de explicación dos proxectos, na fase de actuacións previas; a demanda un novo Plan Sectorial que amplíe a Rede Natura 2000, estableza distancias mínimas de 1.500 m entre eólicos e núcleos poboacionais, e rexeite a eólica mariña pola súa incompatibilidade coa pesca e a biodiversidade.
O documento completo pode consultarse https://cig.gal/documento/bases-para-unha-estratexia-galega-da-enerxia-2025-17018.html