A CIG presenta denuncia na Inspección pola morte dun veterinario mentres realizaba o saneamento gandeiro
Tal e como se anunciara no seu momento, a CIG presentou denuncia na Inspección de Traballo pola morte en accidente laboral dun veterinario da empresa Tragsatec o pasado día 28 de maio nas Nogais, mentres estaba realizando labores de saneamento gandeiro.
A través desta denuncia e dos datos achegados na mesma, a central agarda que sirvan a autoridade laboral "para esclarecer o accidente laboral, comprobar as deficiencias no referente á materia de seguridade e saúde laboral coas que o persoal do saneamento gandeiro traballa, así como depurar as responsabilidades correspondentes".
Servizo público en condicións precarias
Dende a CIG de Lugo-A Mariña entenden que a perda deste compañeiro ten que servir para que se produza un cambio substancial nas condicións de traballo do persoal veterinario que realiza as campañas do saneamento gandeiro. "Estamos a falar neste caso dun servizo público e dunha empresa pública, que están a priorizar criterios de rendibilidade económica fronte ao criterio de seguridade do persoal veterinario que realiza as funcións", alertan.
A este respecto, o secretario de Organización da CIG de Lugo, Lois Neto, sinala que non se debe esquecer "que estamos a falar dunha actividade que se realiza con animais, en zonas rurais, etc., polo que, como mínimo, a realización do traballo en parellas, así como a esixencias de mangas gandeiras de protección nas explotacións deberan de ser condicións mínimas de seguridade".
Concentracións en Tragsatec e na Xunta
A CIG entende que existen responsabilidades no sucedido tanto por parte da empresa Tragsatec como por parte da Xunta de Galiza, polo que a central sindical vai comezar unha campaña para esixir de melloras de seguridade.
A primeira protesta terá lugar o vindeiro xoves, 25 de xuño, cunha concentración diante da sede da empresa Tragsatec en Lugo e o xoves, 2 de xullo, haberá concentración diante do Edificio da Xunta de Galiza.