A CIG presenta denuncia na Inspección de Traballo contra Repsol por incumprimentos en materia de seguridade
A CIG vén de presentar denuncia na Inspección de Traballo contra Repsol polo incumprimento das súas obrigas de coordinación de actividades concorrentes que a lei de prevención de riscos laborais lle impón. A dirección da empresa négase a convocar o comité de seguridade e saúde intercontratas para tratar as medidas preventivas e facer un seguimento nesta materia durante os traballos da parada técnica.
Os labores de mantemento e posta ao día das diferentes unidades da refinería comezaron a principios de marzo e, neste tempo, xa se produciron varios accidentes laborais, téndose constancia dun accidente no que un traballador tivo que ser trasladado en ambulancia.
Porén, a pesar das demandas da CIG e da representación do persoal, Repsol incumpre as súas obrigas de coordinación, non convoca o comité intercontratas e os traballos da parada, nos que interveñen máis de 1400 traballadores e traballadoras, están resultando un auténtico caos.
Ademais de vulnerar a lexislación vixente, Repsol obvia os compromisos adquiridos desde a anterior parada, poñendo en grave risco a seguridade e a saúde do conxunto dos/as traballadores/as que prestan servizo nesta parada técnica.
A isto hai que engadir os abusos en materia de xornada laboral, xa que hai persoal que realiza máis de 12 horas continuadas de traballo, non respectándose o descanso mínimo entre xornadas e incluso, nalgunhas contratas, o descanso de fin de semana.
A CIG xa trasladou a súa preocupación por estas cuestións nunha reunión celebrada o pasado 23 de marzo coa Inspección de Traballo, na que, entre outros temas, se informou dos incumprimentos de Repsol en materia preventiva. Para a CIG, esta actuación de Repsol resulta dunha irresponsabilidade manifesta tendo en conta que hai un ano, nunha parada na que se empregou a un número moi inferior de persoal, se produciu un accidente grave que lle custou a vida a un traballador e deixou ferido de consideración a outro.
Para evitar que se repitan feitos similares e garantir a seguridade de todo o persoal, a CIG presentou hoxe denuncia na Inspección contra Repsol e insta a empresa a cumprir de inmediato coas súas obrigas legais e a convocar o comité intercontratas.