CIG presenta denuncia na Inspección contra o Concello da Coruña polas deficiencias nas medidas de seguridade
A Sección Sindical da CIG no Concello da Coruña presentou este mércores unha denuncia na Inspección de Traballo contra o Goberno municipal por incumprimentos na lexislación laboral ao respecto da saúde laboral dos seus traballadores e traballadoras durante o proceso de "pretendido retorno á normalidade".
O Goberno municipal, explican, implementou un protocolo para a reincorporación do persoal público ao traballo presencial, así como as medidas de prevención fronte á Covid-19 que foi "imposto sen negociación previa, xa que o borrador que se levou ao comité de Seguridade e Saúde non era máis que un conxunto de ideas de carácter xeral, que non era negociábel, pois, segundo manifestou o concelleiro de Persoal, este comité so tiña carácter consultivo e xa non ía haber máis reunións para acadar o documento definitivo".
Falta de coordinación e material inadecuado
Dende a Sección Sindical advertiron no seu momento que o feito de deixar nas mans das xefaturas dos diferentes servizos a aplicación práctica deste protocolo ía causar unha grave falla de coordinación "cos conseguintes agravios comparativos". Así, expoñen o caso da reincorporación das/os conserxes de colexio que "foi unha auténtica chapuza na entrega do material de protección, que non se axustaba ao que determina o protocolo e que ademais é de dubidosa calidade". De feito, engaden, algunha das pantallas de protección rachou antes de poñela.
Ao entender da sección sindical da CIG este protocolo, ao non facer valoracións individualizadas, "deixa mal protexidas as empregadas e empregados municipais. Como exemplo, salientan que naqueles lugares de traballo onde supostamente non accede a cidadanía "a única protección que teñen os traballadores e traballadores é a hixiene e a separación, mais sen ter en conta que hai espazos de tránsito e lugares comúns nos que a separación mínima non se poderá manter".
Ademais, a tres días da reincorporación da maioría do persoal aínda non está protocolizado nin o uso dos servizos públicos e de empregados/as, nin os sistemas de accesos ás dependencias por parte da cidadanía, nin a xestión das agardas ou listas de espera. Diante disto, dende a sección sindical pídense á cidadanía que actúe con cautela á hora de utilizar os servizos públicos, que usen medidas de protección "e que desculpen calquera inconveniente causado por esta nova situación".