
A CIG presenta denuncia na Fiscalía pola falta de medidas de seguridade no HUAC e pide investigar se houbo un delito penal

A CIG presentou denuncia esta mañá na Fiscalía provincial da Coruña para que investigue se a non implementación de medidas preventivas por parte da Xerencia da área sanitaria da Coruña-Cee pode ser constitutiva dun delito penal, tendo en conta a agresión rexistrada o pasado 3 de febreiro nas Urxencias do HUAC. E de ser o caso, a CIG solicita que inicie as actuacións legais que considere oportunas.
A CIG lembra que a lei de prevención de riscos obriga a avaliar todos os riscos e a tomar as medidas necesarias para reducir ao mínimo a potencialidade de dito risco e no ámbito da área sanitaria da Coruña-Cee esa responsabilidade recae na Xerencia, "xa que está en posición de garante". Ademais a normativa estabelece que cando un centro de traballo alberga unha actividade onde concorren outras empresas (neste caso ademais do persoal do SERGAS hai persoal de empresas de seguridade privada, de limpeza, de transporte sanitario, mantemento etc.), débese nomear unha persoa coordinadora de seguridade.
Pois ben, a agresión do pasado día 3 evidenciou que nin se implementaron as medidas preventivas nin existe coordinación de actividades. "A Xerencia ten que coidar da súa xente, está en condición de garante. Non é unha opción, é unha obriga legal. Así se determina no artigo 11 do Código Penal e no artigo 14 da Lei de Prevención de Riscos Laborais, cando di que todos os traballadores e traballadoras teñen dereito a unha protección eficaz", expuxo o secretario de Saúde Laboral da CIG da Coruña, Ernesto López.
Apuntou que o xerente da área sanitaria (ou quen a Xerencia así o determine), é quen debe garantir a seguridade do persoal, "algo que está claro que non se fixo". "O que pedimos é que a Fiscalía investigue se houbo un delito de lesións imprudentes en comisión por omisión, ou un delito de perigo contra a integridade física das persoas traballadoras, en modalidade dolosa ou imprudente, froito dun incumprimento flagrante e coñecido por quen tiña a obriga de tomar medidas e proporcionar unha protección eficaz".
Ernesto López explicou que a denuncia responde a una mandato da asemblea de traballadores e traballadoras do hospital e lamentou que o resto de organizacións sindicais con representación na comisión de centro se descolgaran deste compromiso.
Nin protocolo nin formación
O representante da CIG, que estivo acompañado por delegas e delegados da CIG-Saúde, denunciou que a única medida que presentou a Xerencia no comité de saúde laboral foi un protocolo de agresións do ano 2012 "que non hai por onde collelo, que se elaborou cando as urxencias do HUAC estaban noutra ubicación e que nin sequera foi trasladado ás persoas traballadoras".
Diante disto, demandou que se realice unha avaliación de riscos, que se faga un protocolo actualizado nos que se recollan as medidas preventivas necesarias, que se traslade este protocolo a todas a empresas que concorren na actividade hospitalaria e ao propio persoal, que se dea a formación adecuada, e que se implemente a coordinación de seguridade, "para que isto non volva acontecer".
Lembrou que a prevención "está para actuar antes, non despois. Non vale de nada que agora o conselleiro de Sanidade acuda á Fiscalía facer política de propaganda, nós o que queremos é que se actúe antes para que o persoal vaia traballar en condicións de seguridade". Cualificou a Xerencia da área sanitaria e ao propio conselleiro de "incompetentes" e criticou que nin sequera se teña posto en marcha aínda a investigación comprometida para aclarar o accidente.
Ás declaracións do Fiscal Superior asegurando que se axilizarán as sancións nos casos das agresións ao persoal sanitario, retrucou que nunha situación como a rexistrada nas urxencias do HUAC, a persoa agresora é inimputábel polo que "este tipo de medidas, non teñen ningunha eficacia máis alá da propaganda".