A CIG presenta denuncia penal contra Grupo Ferrín por delitos continuados contra os dereitos dos/as traballadores/as
A CIG presentou esta mañá denuncia penal no Xulgado de Instrución de Ribeira contra a empresa de autobuses Grupo Ferrín e os seus administradores/as, por delitos continuados contra os dereitos dos traballadores e das traballadoras e por delito de desobediencia ás autoridades, nomeadamente por incumprir de maneira reiterada as sentenzas xudiciais e os requirimentos da Inspección de Traballo. A denuncia supón o punto de partida da campaña que a central sindical acaba de pór en marcha co obxectivo de restaurar as relacións laborais e que nesta empresa se respecte a liberdade sindical e os dereitos do persoal.
De todo isto, deron conta hoxe en rolda de prensa Paulo Carril, secretario xeral da CIG; Ánxela Martínez, membro da executiva comarcal da FGAMT-CIG; Xan García, secretario da Unión Local das Rías; Rosa Ana Pérez, delegada da CIG nunha das empresas do Grupo Ferrín e José Lijó, traballador despedido, mais cunha sentenza de nulidade que a empresa se nega a acatar.
Bucle infinito de acoso e incumprimentos
"Situación inaudita", foi o cualificativo que Xan García utilizou para definir o permanente estado de conflitividade laboral que se vive no Grupo Ferrín (formado polas empresas Agustín Sarasquete e Hijos, Hermanos Ferrín, Manuel Ferrín, e Manuel Ferrín Suaréz). Unha persecución iniciada logo da CIG gañar as eleccións sindicais no ano 2014 e que se intensificou tras da folga convocada en 2015 para esixir o incumprimento do convenio colectivo en materia de xornada, horas extras, salarios, prevención de riscos, así como esixir o cese da represión sindical que xa se estaba a producir naquela altura.
Porén, subliñou Paulo Carril, a pesar das múltiples actas de sanción da Inspección de Traballo e as ducias de resolucións xudiciais desfavorábeis que acumula a empresa, o acoso non fixo máis que ir en aumento, chegando ao punto de que a representación social e os/as traballadores/as que se significan na reivindicación dos seus dereitos sofren modificacións continuadas das súas condicións de traballo, imposicións de sancións de todo tipo e mesmo despedimentos arbitrarios "co único obxectivo de consolidar a escravitude laboral".
Fronte a esta realidade, aseverou, "decidímonos a presentar esta denuncia penal pola fartura que xera que nin a autoridade laboral, nin a xudicial, nin a Xunta tomen medidas ante unha situación tan grave e un incumprimento tan reiterado dos dereitos laborais". O secretario xeral da CIG valorou que este proceso penal "xa debería ter sido iniciado de oficio ou ben pola autoridade laboral, que coñece perfectamente o que acontece nesta empresa, ou por parte da propia Fiscalía".
Nesta liña, Carril cuestionou que a Xunta non teña adoptado ningún tipo de medida contra esta empresa e lle manteña os contratos do transporte de viaxeiros/as "tendo en conta que non respecta as cláusulas sociais recollas nos pregos e incumpre de maneira sistemática a lexislación laboral".
Para o secretario xeral, o que acontece no Grupo Ferrín constitúe un exemplo "da desprotección na que nos atopamos a clase traballadora cando queremos defender os nosos dereitos". De aí que a central poña en marcha esta campaña que, alén da denuncia penal, incluirá diversas mobilizacións para dar a coñecer entre os usuarios e usuarias os abusos patronais, así como novas medidas legais para reverter unha situación "insostíbel".
Exceso de xornada, impago das horas extra e despedimentos arbitrarios
Un dos exemplos do acoso que se vive nesta compañía é o de José Lijó, traballador que foi despedido até en dúas ocasións por reivindicar os seus dereitos e que, malia a xustiza declarar nulo o cese en ambos casos, segue á espera de ser reincorporado porque a empresa non atende ao mandato xudicial. Lijó referiu que dos nove anos que estivo no Grupo Ferrín, nos dous últimos anos "pasaba 10 horas ao volante todos os días, até que, entre outros dereitos, nos decidimos a reclamar o descanso que nos corresponde. A partir de aí, comezou todo".
A este respecto, Rosa Ana Pérez, delegada da CIG, subliñou que as prolongacións indebidas da xornada son práctica habitual, pero ademais nin sequera se pagan as horas de nocturnidade, as horas de espera, as dietas, non se respectan os descansos, e incluso o servizo non se presta coa calidade adecuada, "pero non lles importa nada, porque saben que van cobrar igual. Todo está mal, estou farta de ir á Inspección de Traballo denunciar unha e outra vez os incumprimentos. A empresa está a ver se cansamos e cedemos na reivindicación dos nosos dereitos", valorou.
Pola súa banda, Ánxela Fernández, da FGAMT-CIG, subliñou que xunto á denuncia penal se achegan 35 documentos, moitos dos cales son actas da Inspección por infracción grave ou moi grave e escritos de execución xudicial, "porque a empresa non cumpre coas sentenzas". O desacato da patronal chega a tal punto que a empresa xa sufriu varios embargos como única vía para obrigala a facer fronte ao pago das sancións administrativas e das indemnizacións ao persoal.
Así as cousas, a CIG advirte que non cesará até lograr que en Grupo Ferrín se respecten os dereitos do persoal e o dereito á liberdade sindical. E por iso, tamén fai un chamamento á Xunta de Galiza para que adopte as medidas necesarias para obrigar a empresa a cumprir co establecido nos pregos dos contratos e no convenio colectivo.