A CIG presenta conflito colectivo contra Serveo pola non aplicación do incremento salarial ao persoal eventual
A CIG vén de presentar conflito colectivo contra a empresa Serveo, que ten adxudicado o servizo de limpeza do Hospital Lucus Augusti, polos incumprimentos en materia de suba salarial. A día de hoxe, a empresa aínda non abonou a unha parte das súas traballadora e traballadores o 1.5% de incremento salarial adicional aprobado para o persoal do sector público.
Cómpre subliñar que o persoal do servizo de limpeza do HULA, malia estar externalizado, ten equiparadas as súas condicións salariais aos do grupo E do SERGAS e polo tanto teñen dereito a percibir o mesmo incremento que se acorde para o persoal empregado público.
Deste xeito, a empresa aplicoulle a suba do 1.5% adicional aprobado polo Goberno español (en concepto de compensación da inflación) ás traballadoras e traballadores que teñen contrato indefinido, pero non fixo o mesmo co persoal con contrato eventual, a quen non lle abonou aínda este incremento. En situación similar tamén se atopan as traballadoras/es do servizo de limpeza dos hospitais de Ourense e de Ferrol, adxudicado a esta empresa.
A CIG-Servizos de Lugo dirixiuse por escrito a Serveo demando que procedera ao pago dos atrasos, pero a única resposta que deu a empresa foi o silencio. A central nacionalista entende que esta actuación supón unha clara discriminación, polo que acordou presentar este conflito colectivo, "pois non é de recibo que unha empresa que traballa na sanidade pública e que cobra do sector público lle negue os dereitos salariais ao seu persoal polo simple feito de ter un contrato temporal".