A CIG presenta as súas candidaturas e propostas ás eleccións en Navantia
A CIG presentou esta mañá en rolda de prensa as súas candidaturas e propostas ás eleccións sindicais que se celebrarán o vindeiro martes 9 de xullo en Navantia. Neste proceso, os traballadores e as traballadoras escollerán 23 representantes ao comité de Ferrol mentres que no estaleiro de Fene, a causa da importe redución de persoal dos últimos anos, pásase de elixir 13 delegados/as a un comité de 9 persoas.
As candidaturas da CIG, salientouse durante a rolda de prensa, conformáronse de maneira que todos os colectivos de traballadores/as poidan estar representados/as de xeito equilibrado. O responsábel da sección sindical da CIG en Navantia, Marcelino Amado, subliña a importancia destas eleccións "pois o seu resultado determinará a liña sindical que se faga na empresa nos próximos catro anos". Un período no que haberá que enfrontar dúas cuestións fundamentais para o futuro de Navantia: o convenio colectivo e a aplicación do Plan Estratéxico.
Por iso, anima os traballadores e as traballadoras a apoiar as candidaturas da CIG porque "as persoas que nos presentamos a este proceso electoral temos a vontade de cambiar o rumbo que leva o comité de empresa. Temos a solvencia de ser a primeira forza sindical do País e un firme compromiso na defensa dos dereitos das traballadoras e traballadores, así como vontade para pelexar pola permanencia dos dous estaleiros públicos na Ría de Ferrol".
Minimizar as consecuencias do I Convenio Intercentros
A este respecto, criticou que o verdadeiro obxectivo do plan industrial era a posta en marcha do I Convenio Intercentros, que facilitou a empresa o recorte dos dereitos salariais e sociais que o persoal tiña recoñecidos. Deste xeito, a aplicación do Plan permitirá a Navantir reducir un 12% o seu cadro de persoal e rebaixar un 23% a masa salarial grazas ás cesións no convenio de importantes dereitos (suprímese o sistema de asimilacións, establécense dúas escalas salariais, vincúlase a suba das retribucións aos orzamentos, etc).
Ademais, advertiu Amado, por primeira vez delégase a capacidade de negociación das condicións laborais nas diferentes mesas que a nivel estatal teñen abertas o Goberno e os sindicatos españois, "afastando así a decisión dos centros de produción e reforzando as estruturas das Federacións de CCOO e UGT". Por iso, engade, un dos obxectivos da CIG é minorizar os recortes sociais que se pretenden introducir a través desas mesas e preparar as bases para que na negociación do seguinte convenio se recuperen os dereitos roubados.
Propostas para a negociación colectiva
Nesta liña, Marcelino Amado apunta que a CIG levará como reivindicacións básicas a recuperación do poder adquisitivo, o establecemento dun marco salarial uniforme; reforzar os beneficios sociais; a elaboración dun plan de conciliación; a creación dun sistema de promoción regulado e estábel; a continuidade de todas as vantaxe sociolaborais que xa están recoñecidas e que se apliquen ao persoal técnico de nova incorporación; ou a redución da xornada laboral ás 35 horas semanais.
Xunto a isto, a central nacionalista pula por regular un plan para a xubilación anticipada sen amortización de postos de traballo; universalizar e garantir o complemento de apoio á xubilación; establecer criterios obxectivos e transparentes de selección do persoal técnico superior -que a CIG entende se deberían facer a través de concurso-oposición-; ou defender a implantación de coeficientes redutores da idade de xubilación.
Inversións cativas e falta de ocupación
No relativo ao desenvolvemento do Plan Estratéxico, a CIG pelexará para conseguir unha taxa de reposición do persoal do 100%, superando o 75% de incorporacións pactado nese plan. Tamén se fiscalizarán as condicións nas que sairá o persoal do segundo período de prexubilacións, para garantir que o fagan nas mesmas condicións que os seus compañeiros/as.
A CIG denuncia tamén a falta de inversións nas instalacións da ría de Ferrol que impiden a potenciación das áreas de Turbinas e Carenas, "dúas pezas fundamentais para o estaleiro". Ademais, a central estará vixilante en todo o proceso de desenvolvemento do denominado "estaleiro 4.0", vinculado ao contrato das fragatas F-110, que se demorou por cuestións políticas.
A este respecto, Marcelino Amado adianta que á volta das vacacións a CIG proporá ás demais organizacións a convocatoria de mobilizacións en demanda de carga de traballo, xa que o atraso na sinatura do contrato das fragatas non só pon en cuestión o financiamento das novas instalacións, senón que deixa sen ocupación o estaleiro durante dous anos. "Temos que volver á rúa para esixir unha solución que permita paliar esa falta de traballo", afirma.
Fomentar a participación do persoal
No relativo ao funcionamento interno dos órganos de representación, a CIG aposta por un cambio profundo para que o comité recupere o protoganismo que debe ter na negociación colectiva e que foi usurpado aos poucos polas federacións de CCOO e UGT. E nesta liña, a central sindical defende a creación dun protocolo de funcionamento do comité que garanta a transparencia e fomente a participación e o debate asembleario na toma de decisións.