A CIG presenta as súas achegas ao borrador do Anteproxecto de Lei do Patrimonio Natural de Galiza
A CIG vén de presentar as súas achegas ao borrador do anteproxecto de Lei do Patrimonio natural de Galiza, a comezar pola proposta de mudar o propio nome e que pase a denominarse “Lei do patrimonio natural e da diversidade biolóxica de Galiza”. Entende que quedarse só en “patrimonio natural” deixaría fóra da protección da lei “aquelas especies que habitan ecosistemas alterados ou humanizados e as especies, grupos de especies ou taxon, a nivel individual, que se atopan por algunha razón fóra do seu hábitat”.
Xunto a isto, o secretario confederal de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel, Anxo Pérez Carballo subliña que tamén debe vir reflectido no articulado o deber de conservar e de garantir un medio ambiente adecuado para o benestar das persoas, xunto coa súa saúde e desenvolvemento “e fuxir da impresión de que esta lei dedícase unicamente aos espazos naturais protexidos”.
A CIG entende que o medio ambiente “é un concepto transversal de vital importancia en todos os ámbitos” e que se debe ter en conta que sexa adecuado para abranguer aspectos como “a saúde no traballo, a calidade de ambiente nas cidades, a calidade da auga e xestión adecuada dos residuos, espazos naturais protexidos, o aproveitamento dos recursos naturais de xeito respectuosos, o mantemento das actividades tradicionais…”.
Por iso considera rechamante que mentres na lei básica do Estado se define a función social e pública do patrimonio natural e da biodiversidade, “aquí omítese de xeito gravoso”. Por iso proponse definir claramente “esta función social e a utilidade pública da conservación do medio ambiente”.
Xunto a isto deféndese a necesidade de que se inclúa na lei o dereito a ter un medio ambiente adecuado como “un servizo público prioritario”, entendendo que é de vital importancia en Galiza “pola súa vulnerabilidade ambiental e social ás alteracións do medio”.
Lexislación proteccionista
Segundo explica Pérez carballo, para a CIG o cambio climático, a globalización económica e dos seus produtos, fai imparábel a presenza de especies invasoras, o aproveitamento especulativo dos recursos naturais, o abandono das actividades agrogandeiras tradicionais como os usos e costumes de mantemento do rural e a súa paisaxe e que isto fai máis imprescindíbel que nunca “unha lexislación proteccionistas que obrigue á administración e os seus axentes a actuar como o servizo público na defensa do medio ambiente”.
Porén, para a central sindical, non se articula na Lei ningunha medida para “fomentar o emprego destinado a garantir este servizo público, nin se protexe o existente do seu paulatino desmantelamento”.
Definición das competencias da Xunta de Galiza
Para a CIG tamén resulta rechamante que o texto omita a definición explícita das competencias da Xunta, como encargada fa tutela da conservación do medio e de garantista deste dereito cidadán.
Ademais sinálase que no apartado referido a Deberes de Conservación non se transpoñen os recollidos na lei 42/2007, como si se fai noutros apartados; que non veñen recollidas as definicións de “Persoal inspector”; “Axente Forestal/ambiental”; “áreas de montaña” ou “áreas críticas”.
Fontes de financiamento
A CIG considera positivo que, tal e como se contempla no borrador, o importe das sancións e as indemnizacións derivadas dos procedementos previstos na lei e das medidas compensatorias sexan unha vía de financiamento.
Porén considera que o servizo público debe ser gratuíto a todos os efectos para garantir a universalidade do dereito e non contemplar, xa que logo, como fonte de financiamento os ingresos derivados da comercialización da imaxe da marca dos espazos naturais protexidos e dos servizos vinculados a conservación e uso público. “Ademais intuímos un repago na comercialización da imaxe de marca , pois para o titular de produtos e servizos debe ser un activo en valor que non supoña gravame adicional”.
Tampouco concorda a central sindical con que se pechen os servizos e utilidade pública vinculados cos espazos naturais protexidos á xestión pública e se permita a cesión e venda de actividades e dereitos a entidades privadas.
Control de pragas ocasionadas pola fauna silvestre
Para a CIG o tratamento das especies silvestres como praga a exterminar “recorda a política franquista de control das alimañas”. Fronte a isto entende que os problemas de expansión de determinadas especies silvestres veñen en moitos casos dadas polo aumento do seu hábitat e a redución da dispoñibilidade de recursos alimenticios. En ambos os casos un problema derivado “do abandono das actividades agrarias e gandeiras tradicionais e do despoboamento do rural”.
Bota de menos ademais que non se trate a conservación do medio favorecendo políticas sectoriais que aporten asentamento de poboación no medio rural vinculado a actividades respectuosas co medio ambiente e de recuperación da paisaxe tradicional “para o que compre a redución de trámites administrativos e nos que as axudas tendan a evitar danos, como os producidos pola fauna salvaxe, mais que compensar perdas”.
A CIG salienta ademais que é necesario pechar á xestión pública o control da excesiva densidade destas especies, que entende que “debera executarse con medios e persoal propio”. Xunto a isto precisa que a loita contra as especies invasoras que “si constitúen unha praga de devastadores efectos económicos e ecolóxicos, queda apenas nomeada e dirixida á normativa estatal. Non se propón ningunha medida nin actuación e é obriga directa deste departamento”.
Do mesmo xeito a central sindical entende que tamén se deben reflectir cuestións relativas a liñas eléctricas, parques eólicos e outras infraestruturas que se instalen para o aproveitamento de recursos e o seu desmantelamento unha vez remata, para garantir a volta ao estado orixinal.
Como tamén un artigo que trate a contaminación lumínica ou cuestións referidas a boas prácticas agrarias ademais de prever un maior esforzo na concienciación do sector respecto da aplicación desmedida de puríns e fitosanitarios, que supoñen un dos graves problemas ambientais actuais dos nosos ríos e ribeiras, así como o incentivo económico explícito para as explotacións responsábeis e ecolóxicas.
Actuación forestais
O secretario confederal de Medio Ambiente entende que falta ademais tratar as infraestruturas forestais que minimicen impactos, ou que se contemple a obriga a unha restauración do solo e da vexetación logo dun incendio ou dunha actuación ou aproveitamento que esgote os recursos.
A este respecto sinala que “non se nomea a necesidade dunha diversidade biolóxica na repoboación forestal, acoutando os monocultivos e a súa continuidade, protexendo o bosque galería ou de ribeira e fomentando as plantacións de especies forestais autóctonas e, en todo caso, prohibindo aquelas foráneas que teñan un carácter invasor como o xénero eucaliptos”.
Espazos naturais protexidos
No concepto dos espazos naturais protexidos quedan fóra aqueles que non son declarados pola Comunidade Autónoma Galega como as Reservas da Biosfera da UNESCO, as zonas Ramsar, OSPAR ou áreas protexidas do Convenio para a protección do medio ambiente Mariño, Xeoparques da UNESCO, Reservas bioxenéticas do consello de Europa e os sitios naturais da lista de Patrimonio Mundial da Conservación sobre a protección do Patrimonio Natural e Cultural.
“Sorprende que deixe fóra estes espazos protexidos por organismos internacionais e non se valoran de ningunha forma para a percepción de axudas e incentivos”, afirma Pérez Carballo, quen engade que “compre que se trate tamén, aos efectos da tipificación de infraccións e procedemento sancionador a realización de impactos que alteren ou degraden os valores protexidos polos espazos naturais”.
A lei tamén propón unha superficie mínima para os parques terrestres de 10.000has e 2.500 has para os insulares. “Unha barbaridade, xa que segundo esta lei a maioría dos parques de Galiza hoxe non se poderían declarar por non cumprir unha superficie mínima”, excluíndo deste xeito mesmo as illas da nosa costa, de elevado valor pero de pequenas dimensións.
A CIG tampouco considera xustificada unha limitación temporal ás declaracións de microrreservas nin doutros espazos protexidos nin que nun documento con obxectivos de conservación aparezan máis os termos vinculados á xestión, financiamento, comercialización, recursos… que os de conservación, protección ou servizo público, entre outras.