A CIG presenta alegacións ao proxecto de Altri polo seu grave impacto a un rural vivo e á ría de Arousa

Nega unha verdadeira industria transformadora do monte galego e ameaza a viabilidade económica, social e mediomabiental do río Ulla e de Galiza
Nacional - 02 Abr 2024

A CIG anuncia a presentación de alegacións ao proxecto que Altri ten previsto instalar, co beneplácito do Partido Popular, na comarca da Ulloa. A central sindical súmase ademais as alegacións presentadas pola Plataforma por unha Ulloa Viva e pola Plataforma en Defensa da Ría de Arousa e manifesta o seu apoio ás accións desenvolvidas até o de agora polos veciños e veciñas.

COLABORA REXISTRANDO ALEGACIÓNS 

A CIG convida a rexistrar  alegacións a este proxecto, mediante o modelo de alegacións que podes descargar nesta mesma nova (tomando como base a da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa) e tamén a proposta de alegación da Plataforma Ulloa Viva. O prazo para rexistrar alegacións remata o vindeiro 17 de abril. Para rexistrar a alegación, imprime o modelo, escribe os teus datos e lévaa a un rexistro oficial (Xunta, Concello etc...) ou ben faino vía online mediante o formulario PR004A na Sede Electrónica da Xunta.

O secretario xeral, Paulo Carril, manifesta o rexeitamento da central sindical ao modelo de industria de enclave -recoñecido pola propia empresa- que representa o proxecto. Un modelo depredador dos nosos recursos naturais, nomeadamente a auga e a madeira, con grave impacto ambiental, social e económico. Por iso rexeita tamén que se declare de utilidade pública e que sexa considerado, polo goberno de Rueda, como proxecto industrial estratéxico.

Nova agresión ás comarcas da Ulla, Camiño de Santiago e a ría de Arousa

Altri pretende instalar a 2 km. do Camiño de Santiago, na comarca da Ulloa dúas factorías: unha de celulosa solúbel e outra de fibra téxtil. A súa fabricación requirirá grandes cantidades de auga, enerxía e eucaliptos. Afectará gravemente o patrimonio cultural e natural da comarca da Ulloa mais tamén das limítrofes, Terra de Melide, Arzúa, Santiso, Agolada e o Deza. E afectará tamén a atmosfera e ás augas, comprometendo aínda máis a viabilidade ecolóxica do río Ulla, e, en consecuencia, á ría de Arousa, a máis rica do país.

A CIG advirte que todo isto preténdese facer nun contexto de desaparición en Galiza de superficie agraria útil, constatado as universidades galegas , en favor de máis territorio dedicado á actividade forestal ligada ao eucalipto. “Estamos ante un proxecto contrario a un monte galego con futuro que debera asentarse, entre outros piares, nuns aproveitamentos forestais que realmente aposten pola creación de emprego digno, a sustentabilidade económica e social e a compatibilidade con outras actividades agrarias”.

Inaceptábel financiamento público e desprezo aos sectores produtivos

Por iso, considera “inaceptábel” o financiamento público, e moito máis con fondos europeos “polo que implica de endebedamento público”. Reclama, fronte a isto, que se teñan en conta varios apartados -propostos pola CIG- do recente informe do Consello Económico e Social (C.E.S.) de Galiza, incluídos no trámite do Anteproxecto de Lei de Promoción dos Beneficios Sociais e Económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galiza.

Apartados nos que se recolle que os proxectos industriais teñen que levar aparellado o peche dos ciclos produtivos en Galiza, aumentando o valor engadido en sectores básicos na nosa economía; que “non só deben respectar o ambiente e a idiosincrasia dos lugares onde se asenten, senón tamén garantir o saldo de emprego neto” e retorno económico e social e que se deben “protexer as terras e lugares dedicados ao abastecemento de alimentos, para priorizar a soberanía alimentaria sobre intereses industriais”.

Criterios aos que se engade que o proxecto sexa “aceptado polos sectores económicos, sociais e poboacións dos concellos afectados” e que teña “un maior impacto socioeconómico positivo e mellora da calidade de vida nos sectores e territorios afectados”. Xunto a isto, en relación aos efectos que ocasionaría no ecosistema, o proxecto debería cuantificar economicamente as perdas que podería producir, coa participación dos concellos afectados no proceso.

Lonxe disto, a CIG considera de dubidosa legalidade os consumos de auga previstos. Advirte de que ás consecuencias deste proxecto para as zonas afectadas hai que engadir tamén a actual tramitación dunha planta de hidróxeno verde no encoro de Touro e a permanente ameaza da instalación doutras actividades de grande impacto, como o da reapertura da mina de Touro.

Non pecha o ciclo produtivo en Galiza

Nas súas alegacións a central sindical cuestiona e salienta a contradición sobre o número de postos de traballo que constan no expediente en exposición pública que serán creados, pero que se reducen a 500 segundo Altri estivo dicindo nos actos públicos que organizou semanas atrás. Chama a atención que Altri, cunha fábrica de Portugal, cunha produción de 1,5 millóns de toneladas de pasta dá emprego a 774 persoas. “Facendo a proporción e atendendo á actual automatización dos procesos produtivos, é fácil concluír que a cifra de emprego directo é moi inferior”. Como tamén cuestiona os supostos postos de traballo indirectos cando “a transformación da madeira, desde a súa corta no monte, non se vai dar en serradoiros, senón na propia factoría”.

O sindicato lembra ademais que “non se coñece que asociado a este proxecto se contemple ningún plan de industrialización ligado ao sector do papel, cartón e téxtil, que promova o peche dos ciclos produtivos en Galiza e aumente o valor engadido en sectores básicos da nosa economía”. Circunstancia que a leva a concluír que estamos ante “unha industria de enclave”. Unha “pasteira de grandes dimensións” que se vai levar a outros países a transformación e que pon en perigo importantes sectores produtivos como o do sector agrario, gandeiro, do mar e do sector turístico e cultural ligado ao Camiño de Santiago.

A CIG fai súas as alegacións das Plataformas por unha Ulloa Viva e en Defensa da Ría de Arousa

Canda isto, a CIG fai súas as alegacións das plataformas relativas ao impacto socioeconómico na zona de implantación; na ría de Arousa; na bacía hidrográfica; na rede natura e no patrimonio xeolóxico; na perda de servizos ecosistémicos asociados ao solo; sobre o patrimonio cultural e a paisaxe; da contaminación atmosférica na saúde; sobre o incumprimento do regulamento da UE, 852/2020 e da normativa europea e estatal.