A CIG presenta alegacións ao proxecto de reapertura da mina de Touro

Nacional - 27 Xan 2025

A CIG vén de presentar alegacións ao proxecto de reapertura da mina de Touro-O Pino, que actualmente se atopa en exposición pública, reclamando a súa inadmisión porque xa se ditou unha resolución de impacto ambiental desfavorábel para un proxecto que, no esencial, é idéntico ao presentado en agosto de 2017. A central nacionalista súmase tamén ás alegacións da Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino NON  e da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa e manifesta o seu apoio ás accións desenvolvidas até o de agora pola veciñanza.

Presenta alegacións até o 31 de xaneiro

A CIG convida a rexistrar alegacións a este proxecto, mediante o modelo que podes descargar nesta mesma nova. O prazo para rexistralas remata o 31 de xaneiro. Para rexistrar a alegación, imprime o modelo, escribe os teus datos e lévaa a un rexistro oficial (Xunta, Concello etc.) ou ben faino vía online mediante o formulario PR004A na Sede Electrónica da Xunta.

Tés máis información a respecto deste novo intento de reapertura na páxina da Plataforma Mina de Touro-O Pino NON.

Para o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, esta mina "é un claro exemplo do modelo de desenvolvemento do país que favorece o espolio dos nosos recursos, con grave impacto ambiental, social e económico, e que ademais imposibilita calquera outra alternativa económica que se poida dar vinculada cun rural vivo que permita un desenvolvemento digno dos nosos recursos". A este modelo de industria de enclave fomentado polo Goberno da Xunta do PP responde tamén o proxecto de macrocelulosa que Altri pretende implantar no corazón da Ulla e contra do que o pobo galego leva meses mobilizándose.

Advirte que a posta en marcha do proxecto de mina tería fortes implicacións para o territorio, entre outras: a desaparición total ou parcial de cursos de auga,  de mananciais e traídas veciñais, de vías de comunicación públicas, da base territorial das granxas da contorna e de fincas de monte de numerosísimos propietarios, enormes depósitos de estériles de mina  con alto poder acidificante, etc.

Outra ameaza sobre o Ulla e a ría de Arousa

En coherencia coa postura mantida en 2017, a CIG oponse á reapertura da mina de cobre polo impacto socioeconómico e os prexuízos ambientais e sociais que carrexaría nos Concellos de Touro e O Pino, mais tamén sobre a ría de Arousa, xa que aumentaría de maneira considerábel a contaminación do río Ulla.

A mina de San Rafael e o proxecto Gama en Palas de Rei poñen en serio risco a supervivencia do sector do mar na ría de Arousa, estratéxico para a economía local polo volume emprego directo que xera. Os riscos que supón sobre a produción marisqueira, a acuicultura e a industria do mar da ría de Arousa, principal produtora de bivalvos de Galiza e de Europa, son evidentes. Na ría de Arousa a industria do mar xera centos de millóns de beneficios directos cada año e miles de empregos.

A este respecto, hai que sinalar que na documentación presentada, a empresa fala de que se crearán 421 empregos directos e 1.621 indirectos e inducidos pero non xustifica de onde saen eses cálculos. Ademais, é coñecido e público que a empresa Atalaya Mining -socio de Explotaciones Gallegas e futuro accionista maioritario de Cobre San Rafael de obter as autorizacións deste proxecto de reapertura-, advirte aos  seus investidores en documentos internos que o emprego a crear sería de entre 101 e 111 postos de traballo, nunha elevada porcentaxe en subcontratación.

Por outra banda, caracterízase a zona de Touro-O Pino como deprimida e en declive, mais para isto utilízanse datos de 2021, en plena pandemia da Covid19, con moitos traballadores e traballadoras en ERTE e a economía paralizada. Contrariamente ao que se afirma, nin hai caída do PIB (en 2022 xa foi un 13,5% superior ao de 2019) e as taxas de paro nestes dous concellos son máis baixas que a media galega (106 persoas en O Pino e 105 en Touro en outubro de 2024).

Falta de sinerxías co tecido económico da zona

Alén de ser substantivamente análogo ao presentado en 2017 (que recibiu unha declaración de impacto ambiental negativa en 2020), o proxecto agora en exposición pública ten graves carencias na súa documentación (como os informes de solvencia económica e técnica) baixo a escusa do seus suposto carácter confidencial e segredo, e non se adecúa ao indicado cando a Xunta de Galiza o declarou como PIE.

De feito, cínguese só a un proxecto mineiro, pero non se desenvolve nin a planta solar fotovoltaica, nin a de tratamento de xurros, nin o proxecto piloto E_LIX (de recuperación de metais), e nin sequera presenta sinerxías co tecido económico da zona, só con algunhas empresas do mesmo grupo empresarial como,TEN e EXGA. Ademais, deixa incerta a futura ubicación de TYRMA, da que xa non ten relación accionaral algunha.

Proponse a mina como solución para reverter o problema demográfico, pero os datos estatísticos amosan que as concas mineiras sofren profundos problemas de despoboamento. Xunto a isto, a documentación non é concreta sobre aspectos clave como cal é o consumo da auga da propia mina e de onde a vai obter, nin respecto a onde se obterá a auga necesaria para abastecer as granxas e a poboación que perden os seus mananciais ou as empresas que se terán que mover ao polígono pola ampliación do espazo da mina.

Por último, a CIG solicita que se resolva a inadmisión do proxecto, porque xa se ditou unha resolución de impacto ambiental desfavorable para un proxecto substantivamente análogo ao agora presentado. En todo caso, que se dite unha declaración de impacto ambiental desfavorable á vista dos impactos que se expoñen nas alegacións presentadas.