A CIG presenta á dirección de GOA as demandas para mellorar as condicións de traballo nas obras de tendas de INDITEX
A campaña de denuncia contra a situación de explotación laboral detectada pola CIG en determinadas obras promovidas polo grupo INDITEX comeza a dar os seus froitos. Na tarde deste luns, na mesma obra do novo Zara do centro comercial coruñés Marineda que foi ocupada recentemente nunha acción de protesta da central sindical, tivo lugar unha xuntanza entre as partes á cal asistiu Manuel Queijeiro, director de obras de GOA INVEST (a construtora e promotora de INDITEX), e Mario Maceiras e Marcos Sánchez, secretarios de organización comarcal e nacional, respectivamente, da Federación de Construción da CIG.
Nesta reunión, que supuxo unha primeira toma de contacto, a representación sindical presentou unha táboa reivindicativa con 15 puntos "que urxen atallar" para mellorar as condicións de vida e traballo dos operarios e operarias que prestan servizos nas distintas empresas colaboradoras que participan nas obras de tendas promovidas polas firmas de téxtil do grupo por todo o mundo, "e para rematar de vez cos episodios de explotación laboral que se teñen detectado".
Pola súa banda, explican dende a FCM-CIG, o responsábel empresarial comprometeuse a valorar a proposta sindical e seguir mantendo o contacto en futuras reunións. Xuntanzas que a central sindical aspira "a converter nunha verdadeira comisión de seguimento das condicións de vida e traballo das distintas obras da firma, tanto para as propias empresas do grupo como para as súas contratas, e incluso concretar esta plataforma reivindicativa nun acordo".
Os responsábeis da Federación de Construción da CIG valoraron positivamente este achegamento, así coma que GOA e INDITEX aposten por empresas galegas para a construción e reforma das súas tendas en todo o mundo. Porén, matizan, "esta aposta non pode ser a calquera prezo nin xustificar xornadas laborais interminábeis ou que os desprazamentos se fagan nunhas condicións económicas, laborais e sociais inxustas".
Neste senso, engaden que "urxe atallar estas, e outras cuestións ,para dignificar o traballo nun sector moi danado a consecuencia da crise social, e que hoxe ve aquí un dos seus maiores potenciais de crecemento presentes e futuros".
Pola súa parte, a CIG seguirá informando entre o persoal do sector desta campaña, que ten unha páxina en Facebook, para ir dando conta da súa repercusión e dos seus efectos.