A CIG pon en valor o plan de axuda alimentar destinado á afiliación, do que se benefician máis de 40 familias
Dende hai anos, a CIG ten en funcionamento un plan de axuda alimentaria solidario en distintas localidades do país, do que fan uso nestes momentos mais de 40 familiar. No último ano, esta iniciativa, baseada na solidariedade de clase, aumentou a súa cobertura a consecuencia da pandemia da Covid-19 e pola falta de resposta dos gobernos á grave situación que padecen milleiros de familias traballadoras.
A CIG anima a todas as persoas afiliadas que precisen facer uso desta iniciativa a poñerse en contacto coa súa Unión Comarcal para solicitar información e lembra que agora tamén pode beneficiarse do plan de axuda alimentaria quen non cobrase a prestación por desemprego nos primeiros 10 días do mes. Cómpre sinalar que todos os datos das persoas beneficiarias son absolutamente confidenciais.
Achegas solidarias
O plan nútrese das achegas solidarias de alimentos e dos fondos que se fan tanto a nivel individual como colectivo. A este respecto dende a Unión Comarcal de Vigo sinalan a importante actividade que ten o plan, mentres que a CIG de Compostela destacan que un dos colectivos que máis colabora con esta iniciativa son os afiliados e afiliadas e os delegados e delegadas do sector da seguridade privada, a quen agradecen as súas achegas.
Dende a CIG faise un chamado á participar e colaborar nesta iniciativa entregando produtos de alimentación non perecedoiros nos locais da central sindical ou a través de achegas económicas tanto nas urnas colocadas para tal efecto como mediante o abono dunha cota sindical extraordinaria voluntaria.
Tamén se pode participar como voluntarios/as para recoller, seleccionar e almacenar as achegas que posteriormente lle son entregadas ás persoas solicitantes que cumpren os requisitos establecidos nas bases do plan solidario.