A CIG pon en marcha unha iniciativa sindical internacional para urxir a celebración do referendo de autodeterminación do Sáhara
Diante da pasividade dos organismos internacionais, nomeadamente da ONU e da súa misión, a MINURSO, e moi especialmente do Goberno español, e vendo a deriva dos últimos acontecementos, dende a CIG decidimos poñer en marcha unha campaña de apoio ao pobo saharauí, e para esixir a inmediata solución á súa inxusta situación.
Logo de contar coa colaboración da UGT-SARIO, central sindical que agrupa os traballadores/as saharauís, e da CTA-A da Arxentina, lanzamos unha proposta de comunicado conxunto sindical, a nivel internacional, no que se denuncia a situación que padece o pobo saharauí e se recollen as demandas para unha pronta e xusta solución, que pasa pola celebración do referendo de autodeterminación, tal e como se contempla nas múltiples resolucións internacionais ao respecto.
Por iso dirixímonos a todas as organizacións sindicais e federacións do planeta, para sumar a súa solidariedade e dirixir o comunicado conxunto ás Nacións Unidas, á Unión Europea, á Unión Africana, ao novo presidente dos EEUU e, por suposto, ao Goberno español.
Comunicado conxunto
ESIXIMOS A INMEDIATA POSTA EN MARCHA DO REFERENDO DE AUTODETERMINACIÓN DO SÁHARA OCCIDENTAL
BASTA XA DE AGRESIÓNS E VIOLACIÓNS DOS DEREITOS DO POBO SAHARAUÍ
As organizacións sindicais que asinamos este escrito, esiximos o cese inmediato de todas as violacións que se están levando a cabo contra os dereitos do pobo saharauí, por parte do Reino de Marrocos, coa complicidade dalgúns estados con intereses no conflito e a pasividade dos organismos internacionais, que non poñen os medios para dar cumprimento ás súas propias resolucións.
Pasaron xa máis de 130 anos desde que o Sáhara Occidental fora ocupado polo Reino de España, que o abandonou á súa sorte co Acordo Tripartito de Madrid, entre España, Marrocos e Mauritania, do 14 de novembro de 1975 (sen contar coa participación do pobo saharauí e violando claramente a legalidade internacional). Mauritania renunciou aos seus dereitos sobre o territorio, no acordo de paz coa Fronte Polisaria. Marrocos, pola contra, anexionouse esa parte e comezou a ocupación do territorio. En pleno século XXI, o Sáhara Occidental segue a ser un dos últimos territorios colonizados do continente africano, co uso da forza e contra a vontade da súa xente.
Os dereitos do Sáhara Occidental están avalados por múltiples Resolucións de organismos internacionais, entre as que se insta a España a que aplique a Declaración de Independencia e o dereito á libre determinación do pobo saharauí, entre outras solicitudes; como así tamén múltiples Declaracións feitas por outros organismos internacionais. Aínda así, pasados xa máis de 45 años, observamos con indignación como a impunidade sobreponse á razón e á legalidade, a pesares de todos estes anos de resistencia pacífica do pobo saharauí.
Como representantes da clase traballadora e, en consecuencia, das maiorías populares, esiximos o cese das constantes violacións dos dereitos humanos fundamentais e os dereitos colectivos deste pobo. 45 anos vendo ocupadas as súas terras, sementadas de minas e atravesadas por un muro de 2720 Mitas., que padeceu 16 anos de guerra, que sufriu masacres, como a de Zemla, que foi bombardeado con Napalm e fósforo branco (ámbolos dous ilegais), que se viu na necesidade de exiliarse masivamente aos campamentos de Refuxiados de Tinduf, que padeceu desaparicións forzadas, represión e encarceramento de presos políticos, que son torturados nos cárceres de Marrocos.
O pobo saharauí vive da solidariedade, en condicións extremas de pobreza, mentres os seus recursos son espoliados pola potencia colonizadora e as empresas transnacionais. Leva anos observando pacificamente como calquera misión internacional para resolver o conflito é boicoteada por Marrocos e como a MINURSO, lonxe de cumprir o seu cometido, actúa en conivencia con quen ocupa as súas terras.
Os últimos acontecementos incrementan a nosa preocupación e pesimismo. A ruptura do acordo de paz entre as dúas partes, pola incursión de tropas marroquís en territorio saharauí para reprimir á súa poboación, o recoñecemento da Administración Trump do territorio baixo a soberanía de Marrocos, saltándose a legalidade internacional, as declaracións de representantes diplomáticos de Marrocos, reclamando a soberanía sobre o Sáhara, Ceuta e Melilla, os intereses estratéxicos e económicos de algúns estados, como Francia, as Monarquías árabes, os EE.UU. ou mesmo Israel, e o silencio e pasividade dun actor fundamenta, como é o Estado Español, potencia administradora, logo da descolonización, cuxos sucesivos gobernos (tamén o actual) véñense desentendendo da súa antiga colonia e o seu pobo, pregados a outro tipo de intereses económicos e estratéxicos relacionados cos fluxos migratorios cos que Marrocos “compra” a súa complicidade, non parecen augurar unha xusta solución a este conflito.
Por todo isto, dirixímonos ás instancias que teñen unha maior responsabilidade no conflito, a Organización das Nacións Unidas, a Unión Europea, o novo Presidente electo dos EE.UU., a Unión Africana e o goberno de España para que, desde as competencias que cada unha ten, dean cumprimento ás resolucións internacionais antes citadas e poñan en marcha os medios necesarios para celebrar canto antes o Referendo de Autodeterminación do Sáhara Occidental.
Así mesmo, e como parte do proceso, esiximos:
A inmediata liberación dos presos e presas políticos saharauís en Marrocos, condenados con xuízos irregulares e sen garantías.
Inmediata liberación dos territorios ocupados e desaparición do muro ilegal nos mesmos.
Cese das agresións e a represión contra a poboación saharauí.
Dereito do pobo Saharauí sobre os seus recursos naturais, mineiros, pesqueiros, etc. e cese da violación do mesmo, tal e como sentenciou o Tribunal de Xustiza da Unión Europea.
Desmentido da última Declaración de Donald Trump sobre a soberanía do territorio do Sáhara Occidental, e respecto do novo Presidente, Joseph Biden, ás resolucións Internacionais ao respecto.
Esiximos o cumprimento, por parte do Reino de España, das sucesivas resolucións da ONU, e, en especial, a última antes mencionada de decembro de 2020.
Execución inmediata, por parte da MINURSO, da misión que lle foi encomendada: a celebración do Referendo de Autodeterminación do Sáhara.
A Comunidade Internacional debe de asumir que o pobo saharauí nunca renunciará aos seus dereitos e que, sen unha solución que contemple estas demandas, a zona estará sempre en conflito con risco para as vidas e a paz alí. É por iso que agardamos sexan atendidas estas demandas, como única solución xusta e pacífica, que esiximos pola vía diplomática e sexan promovidas todas as accións encamiñadas ao seu cumprimento.