A CIG inicia unha campaña contra a represión sindical en Coren tras o despido dun dos seus candidatos
A CIG anunciou hoxe, a través do seu secretario xeral, a posta en marcha dunha campaña contra a represión sindical no grupo ourensán Coren tras o despido dun candidato da central ás eleccións sindicais. Paulo Carril explicou que ademais de recorrer xudicialmente a rescisión do contrato convocaranse protestas e faranse repartos informativos “porque estamos fartos/as da impunidade coa que actúa Coren e da falsa imaxe pública que se obsesiona por cultivar de que é un modelo de creación de emprego e de desenvolvemento, cando é exemplo de precariedade, explotación, clientelismo, caciquismo e represión”.
O máximo responsábel da CIG compareceu hoxe en rolda de prensa en Ourense xunto a representantes da federación de Alimentación e do propio traballador despedido para deixar moi claro que a central non vai permitir que Coren continúe a coaccionar e ameazar as persoas que decidiron presentarse na súa candidatura ás eleccións sindicais, e moito menos que despida a quen non fai caso das presións e opta por non darse de baixa da lista.
Polo que, ademais da denuncia presentada no Xulgado por vulneración do dereito de liberdade sindical reclamando a nulidade do despido e solicitando a reincorporación do afectado, o 1 de xullo -coincidindo coa constitución da mesa electoral- levará a cabo un reparto simultáneo de folletos en centros de traballo e tendas da compañía do sector cárnico, ademais de en instalacións dalgúns dos seus clientes informando sobre o que está a acontecer na empresa.
Ao mesmo tempo, desenvolverá unha concentración diante do establecemento de Coren na rúa Eulogio Gómez Franqueira dous días antes do acto de conciliación polo despido, previsto no SMAC para o día 11.
Segundo denunciou Carril, a dirección de Coren está a chamar unha por unha e de xeito individual a cada unha das arredor de medio cento de persoas que integran a candidatura da CIG para manter xuntanzas que duran até tres e catro horas, co obxectivo de que renuncien a presentarse pola central e opten por facelo na candidatura que promove a empresa e que é a única con representación no comité.
“Imos facer valer o dereito de liberdade sindical, porque os traballadores/as de Coren teñen dereito a optar pola expresión sindical que consideren sen que a empresa intente impedilo mediante extorsións, ameazas, despidos ou mentiras sobre o que suporía que a CIG lograse representación”, indicou. De feito, é a primeira vez na que a central é capaz de presentar candidatura ás eleccións sindicais de Coren.
<<O estás con la empresa o estás contra la empresa>>
O traballador despedido explicou que os problemas con Coren comezaron cando grazas ás denuncias da CIG a empresa tivo que dar de alta no réxime xeral da Seguridade Social os falsos/as autónomos/as dependentes da falsa cooperativa Servicarne. “Cando pasamos a formar parte do grupo entendemos que era o momento de comezar a traballar para ter unha representación sindical digna co obxectivo de lograr melloras laborais”.
Entón fixéronllo saber á dirección, “que comezou a chamar os compañeiros/as para manter xuntanzas co departamento de recursos humanos, nas que queda moi claro dende o primeiro momento que tiñan unha cousa moi clara: evitar que a CIG se presentase ás eleccións sindicais”.
O afectado sostén que Coren “baixo ningún concepto quería que a CIG tivese candidatura, polo que comezaron coas ameazas verbais dicíndonos que era mellor que nos presentaramos pola candidatura da empresa; ante a miña negativa chegan incluso a ofrecerme mellorar as miñas condicións laborais, pero como me sigo a opoñer optan por despedirme dous días despois da reunión”.
Segundo relata, no seu caso a xuntanza coa empresa prolongouse durante tres horas, “que remataron cunha frase que teño gravada: <<O estás con la empresa o estás contra la empresa>>. “Ás 48 horas de dicirmo presentáronme a carta de despido; antes preguntáronme se me ratificaba no que lle dixera dous días antes, e como lles dixen que si despedíronme”.
Formas de explotación e escravización do século XXI
O secretario xeral da CIG lembrou que foi a central en solitario a que decidiu enfrontar unha realidade existente na industria cárnica como son as novas formas de explotación e escravización do século XXI “propias das reformas laborais e das políticas neoliberais que era toda a trama que representaba a lacra dos falsos/as autónomos/as e das falsas cooperativas”.
Como consecuencia, a día de hoxe produciuse un avance significativo nas condicións laborais a raíz do desmantelamento desta trama existente nun sector no que Coren é unha das empresas máis representativas. “Para conseguilo presentamos numerosas denuncias e levamos a cabo distintas mobilizacións”, sinalou.
Neste contexto, entende que está claro que Coren pretende deixar sen efecto o resultado desta loita. “Quere volver atrás para anular todas as conquistas logradas no que ten que ver coa dignificación das condicións de traballo; de aí que a CIG, que é a garantía de que non haxa marcha atrás, sexa nestes momentos obxectivo dos ataques da empresa mediante ameazas permanentes aos nosos/as candidatos/as, e chegando mesmo a despedir a un dos traballadores que fai parte da nosa lista”. Trátase de impedir que a central poida finalmente presentar candidatura, “porque saben que somos garantía de que non haxa marcha atrás nesta mellora imparábel das condicións laborais”.
Para isto -censurou- non dubidan en recorrer a coaccións, prácticas mafiosas e extorsións, “pero teñen que saber que non nos van parar nin van conseguir que recuemos porque a loita da CIG e dos traballadores/as de Coren é imparábel”. Diante disto, instou a empresa a asumir dunha vez por todas “que non imos renunciar aos nosos dereitos e que impediremos esa involución nas condicións laborais que pretenden”.
"A CIG seguirá a loitar na defensa dos dereitos do persoal de Coren como leva anos facendo e non permitirá que se atente contra a liberdade sindical"
A CIG non parará na loita e nas denuncias para facer valer os dereitos dos traballadores/as de Coren como leva anos facendo e non imos permitir que atenten contra a liberdade sindical. Por iso imos responder aos intentos de represións e aos ataques contra a liberdade sindical. “Xa estamos fartos/as da impunidade coa que actúa Coren e da falsa imaxe pública que se obsesiona por cultivar de que son un modelo de creación de emprego e de desenvolvemento, cando son un exemplo de precariedade, explotación, clientelismo, caciquismo e represión sindical”.
Carril incidiu no feito de que foi con este xeito de actuar, mediante estas prácticas, como Coren conseguiu amasar a súa fortuna e como pretenden impedir a mellora das condicións laborais e anular a liberdade sindical. “Non lles vai valer que intenten calarnos ou silenciarnos, porque precisamente imos comezar unha campaña de información tanto en Ourense como no conxunto do país para denunciar que Coren non só é un centro de explotación laboral senón tamén de represión sindical”.
De xeito paralelo a central desenvolverá mobilizacións demandando que as eleccións na empresa se poidan celebrar respectando a liberdade sindical, ao tempo que presentará tamén denuncias diante da Inspección de Traballo para facer valer este dereito fundamental.