A CIG pídelle ao Concello da Coruña que asuma a xestión directa da planta de Nostián ante o atraso na licitación
Este luns, o comité de Albada mantivo unha reunión coa Concellaría de Medio Ambiente na que se confirmou que os pregos de condicións da planta de Nostián non sairán á exposición pública até dentro de 13 ou 14 meses. Isto significa que non entrará na planta unha nova empresa até finais de 2022 ou principios de 2023 e que as instalacións continúen deteriorándose, ao igual que os dereitos laborais e salariais dos traballadores e traballadoras.
O abordado na reunión coa Concellaría aumenta a incerteza dos traballadores e das traballadoras xa que non se albisca unha solución no curto prazo que permita a recuperación dos seus dereitos laborais e salariais. Por iso, diante desta demora na licitación, a CIG reitera que a única maneira de garantir os dereitos do persoal e a eficiencia da planta pasaría porque o Concello da Coruña se fixese coa xestión directa mentres non se adxudique a concesión a unha nova empresa.
Non cómpre perder de vista que este atraso implica que durante cando menos un ano máis, Albada siga xestionando a planta con carencias importantes tanto no que ten a ver co mantemento da maquinaria e das instalacións, como a respecto dos incumprimentos nas porcentaxes de recuperación e reciclaxe. Pois non hai que esquecer que a empresa só ten unha persoa por cinta recuperando materiais, o que supón que o cartón e o plástico acaben no vertedoiro.
Ademais, toda a materia orgánica, que constitúe arredor do 40% dos residuos sólidos urbanos que entran en Nostián, vai para o vertedoiro, cando o modelo desta planta se basea na venda de compost de calidade. Xunto a isto, a empresa xa manifestou publicamente que non ten intención de arranxar o biodixestor que sufriu unha fenda a primeiros de ano.
Estas deficiencias foron denunciadas en numerosas ocasións tanto polo comité como pola CIG, porque ademais constitúen un engano á cidadanía que paga por unha reciclaxe que Albada nunca cumpriu. A xestión é tan nefasta que a empresa nin sequera selou o vertedoiro, a pesar de estar obrigada por sentenza xudicial.