A CIG pídelle ao CHUF que introduza cláusulas sociais no contrato da limpeza para garantir os dereitos laborais e un servizo de calidade
A sección sindical da CIG no comité de Ferrovial (empresa que realiza o servizo de limpeza no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol -CHUF-) vén de solicitar por escrito á Xerencia a inclusión de cláusulas sociais nos pregos para garantir os dereitos laborais e salariais do persoal e que a prestación do servizo público prime sobre os intereses empresariais privados.
Con esta proposta, explicou Marcos del Río, presidente do comité de Ferrovial, búscase pór coto á precarización das condicións sociolaborais do persoal aplicadas pola empresa adxudicataria do servizo, aproveitándose das continuas modificacións introducidas nos pregos de condicións. Del Río, que compareceu en rolda de prensa esta mañá acompañado doutros delegados de persoal, subliñou que a propia Lei de Contratación Pública recolle a incorporación deste tipo de disposicións para fomentar o progreso e a responsabilidade social.
Entre outras cuestións, dende a sección sindical da CIG solicitan da EOXI que no próximo concurso se recollan cláusulas nas que figuren esixencias sociais ben concretadas e entendíbeis nas especificacións do contrato; de garantías de respecto á igualdade de xénero; que se puntúe máis a aquelas empresas que garantan o cumprimento escrupuloso dos acordos de equiparación co Grupo E do SERGAS, que fomenten a contratación estábel, que sexan máis transparentes nos procesos de selección de persoal e garantan o respecto á conciliación.
Tamén se propón regular cláusulas nas que se establezan sancións claras e concretas no caso de incumprimentos por parte das empresas das cuestións esenciais, facultando o órgano de contratación para a resolución do contrato; e que se habiliten penalizacións para aquelas compañías con sancións da Inspección ou resolucións xudiciais firmes por delitos contra os dereitos dos/as traballadores/as, chegando incluso a seren excluídas de futuros concursos.
Unha vía para blindar os dereitos sociolaborais
"No servizo de limpeza do Hospital de Ferrol, os traballadores e as traballadoras levamos anos padecendo represalias por coller baixas, aplicáronsenos recortes salariais, perda de dereitos, houbo despedimentos, etc., sen que a empresa concesionaria recibira ningunha penalización por parte da EOXI, ao contrario,en cada nova licitación incrementáronse os cartos do contrato sen que iso se traducira nin en novas contratacións, nin nunha mellora das condicións ou do servizo que se presta", denuncia Del Río.
Por iso, asevera, "o Hospital ten moitas vías para blindar os dereitos sociolaborais dos traballadores e traballadoras fronte aos abusos das empresas, e incluír estas cláusulas sociais é unha delas".
Cómpre lembrar que o contrato do servizo de limpeza do CHUF recaeu de maneira ininterrompida en empresas do grupo Ferrovial dende hai 14 anos, ao obter sempre a mellor puntuación na parte técnica, a pesar dos reiterados incumprimentos do convenio colectivo. "O que unha Administración Pública non pode consentir é que unha empresa veña aquí a quitar beneficios a toda costa e que recortar dereitos ou despedir lle saia gratis".
Dende a sección sindical da CIG agardan que a Xerencia da área sanitaria de Ferrol teña en conta esta demanda para o próximo concurso, porque "os fondos públicos non poden ser utilizados para que empresas privadas especulen con eles e si para conseguir obxectivos sociais".