A CIG pídelle a Xunta que traballe a prol da paralización do ERE de Isidro 1952 e se implique na busca dun plan de viabilidade
Este mércores, o comité de Isidro 1952, acompañado por asesores das tres centrais sindicais, mantivo unha nova reunión coa Xunta de Galiza para abordar a situación da empresa e demandarlle a súa implicación activa, tanto na condición de Goberno galego como de avalista da compañía. Este segundo encontro dáse nun escenario diferente á reunión do pasado 27 de decembro, xa que nestes momentos a dirección ten solicitado concurso de acredores no xulgado do Mercantil 1 da Coruña que está á espera de admisión.
Dende a representación da CIG volveuse a insistir na necesidade da retirada do ERE como cuestión previa a calquera negociación futura que se poida dar para a busca dun plan de viabilidade que permita manter os empregos e a actividade produtiva. Neste senso, solicitouse da Xunta que poña en marcha todos os mecanismos necesarios para frear este despedimento colectivo fraudulento, que de ningún xeito pode seguir negociándose, tendo en conta que a empresa non poderá executar o ERE nin a modificación substancial das condicións laborais ao entrar en concurso.
Así mesmo, a CIG reiterou a necesidade de que a Xunta interveña de maneira activa na defensa do tecido industrial da comarca, que vele pola interese do investimento público na fábrica que Isidro 1952 ten en Cambre e que se implique na busca dunha solución de futuro. A este respecto, dende a representación social tamén se puxo enriba da mesa á crítica situación dos peixes que a empresa ten nos criadeiros e piscifactorías, que corren o risco de morte pola deficiente alimentación.
Ambas partes quedaron emprazadas a seguir colaborando na procura de solucións e a manter un diálogo fluído con este obxectivo. Mañá xoves, está convocada asemblea de traballadores e traballadoras para avaliar as seguintes accións a realizar.