A CIG pídelle á FEGAMP unha reunión urxente da mesa de traballo do protocolo do SAF e que se entregue o texto anunciado por Rueda
A CIG-Servizos solicitoulle onte por escrito á Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) que convoque unha reunión urxente da mesa de traballo encargada de elaborar o protocolo de protección para o persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e que faga entrega do texto anunciado recentemente polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, “xa que a día de hoxe descoñecemos o seu contido”. Dende a central insisten en que ten que ser o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galiza (ISSGA) quen traslade un borrador para proceder á elaboración definitiva dun protocolo que contemple medidas reais e efectivas que garantan a protección e a saúde das persoas traballadoras do sector.
A CIG vén reclamando dende hai anos un protocolo que permita que o persoal do SAF poida desenvolver o seu traballo con total seguridade nos domicilios, demanda que se fixo aínda máis urxente tras o asasinato o verán pasado dunha traballadora do SAF do Concello do Porriño. “O que lle aconteceu á compañeira Teresa puxo de manifesto o perigo que corren moitas traballadoras cando acoden aos domicilios sen medidas de prevención nin apoio institucional”, tal e como sinala o secretario de Organización da CIG-Servizos, Pedro Pérez.
Neste contexto, tras a solicitude cursada pola CIG o 30 de xullo a FEGAMP convocou unha reunión en setembro para abordar a elaboración dun protocolo de actuación ante situacións de violencia nos SAF. “Nese encontro acordouse que o ISSGA elaborara un borrador coas propostas achegados polas distintas partes, entre elas a CIG, que logo sería trasladado de novo á mesa de traballo para que as partes aportaran as alegacións e aportacións que considerasen oportunas de cara a pactar un documento final de consenso”.
Mais o pasado 13 de outubro o presidente da Xunta anunciou nos medios de comunicación un protocolo que só recolle recomendacións, mais non accións concretas que aseguren a protección e a saúde laboral das profesionais. “É inaceptábel que no anuncio do protocolo se poña o foco sobre as propias traballadoras, incidindo sobre a necesidade de ofrecerlles formación en control da tensión ou resolución de conflitos, en lugar de establecer medidas reais de prevención de riscos”. Neste senso, dende a CIG lembran que non se pode responsabilizar o persoal do SAF de situacións violentas, senón que é a Administración quen debe de garantir a súa seguridade.
“Ademais, unha semana despois deste anuncio os membros que formamos parte da mesa aínda non temos o documento, polo que lle esiximos á Xunta asuma o seu papel e elabore un protocolo con medidas efectivas que protexan a integridade física e psicolóxica das traballadoras”.
Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas
Po outra banda, a CIG fai fincapé en que a precariedade que caracteriza o SAF, tanto a nivel laboral como de calidade do servizo, non se soluciona continuando a financiar empresas privadas con inxentes cantidades de cartos públicos, senón que estes servizos esenciais de coidados teñen que estar sostidos por un Sistema Público de Atención ás Persoas.
Tanto nos SAF como nas residencias da terceira idade e de persoas con discapacidade son manifestas as carencias de persoal e material, a falta de protocolos homoxéneos de funcionamento, os abusos patronais e os importante niveis de explotación laboral existentes.
Fronte a isto, os servizos públicos son a única garantía para unha atención digna ás persoas de idade e ás persoas dependentes ou con diversidade funcional. Por iso as competencias na atención ás persoas vulnerábeis, xa sexa por idade, pola súa discapacidade ou dependencia, teñen que ser asumidas directamente pola Administración pública galega. “Non é de recibo, e supón unha auténtica barbaridade, que os coidados e a saúde destas persoas vulnerábeis sigan gardando relación cos beneficios e flutuacións en bolsa dos fondos de investimento, multinacionais ou fondos voitre que están detrás das concesionarias destes servizos públicos”.
Estas reivindicacións son a resposta á necesidade de afrontar unha das manifestacións máis visíbeis da realidade galega: crise demográfica, aumento constante da poboación maior, elevada dispersión dos núcleos de poboación (maioritariamente de idade avanzada) e precaria capacidade adquisitiva das pensións públicas, especialmente no caso das mulleres.
Por iso propón unha única rede pública na que estean integrados os centros asistenciais e residenciais da terceira idade; centros de día; centros de atención á diversidade; servizos de Axuda no Fogar e outros recursos como Casas Niño, Casas do/a Maior, Xantar na Casa ou Transporte Adaptado. Servizos que teñen que estar dotados suficientemente tanto de infraestruturas e material como de recursos humanos e nos que se dignifiquen as condicións laborais e salariais do persoal, maioritariamente mulleres, coa aplicación do mesmo convenio.
Na prestación de servizos ás persoas beneficiarias, a CIG defende a priorización da atención a través desta rede de recursos públicos, antes que as axudas económicas e a supresión de todo tipo de repagamentos na atención e coidados, mediante a aprobación dunha carteira de servizos e prezos públicos. Isto xunto co incremento dos orzamentos públicos destinados a este fin, así como daqueles dirixidos á promoción da autonomía persoal e o envellecemento activo.
Finalmente, demanda ademais a transferencia para Galiza de todas as competencias e recursos públicos para desenvolver, aplicar e ampliar a Lei de Dependencia.