A CIG pídelle a Educación un protocolo sobre delitos sexuais no ámbito educativo
Tras coñecer a fondo o contido do protocolo elaborado no Partido Xudicial de Santiago, e que contou coa participación de varias administracións, entre as que non estaba a de Educación, a CIG-Ensino insta a esta consellaría a tomalo como referencia para a súa aplicación nos centros educativos. Aprema tamén o departamento dirixido por Román Rodríguez a que publique a Guía de actuación ante casos de violencia de xénero no ámbito educativo que ten elaborada desde hai un ano e que non se entende por que segue gardada nun caixón.
Na última edición das Xornadas das Mulleres organizadas pola CIG-Ensino e a AS-PG, a maxistrada Ana López-Suevos deu a coñecer polo miúdo o contido do Protocolo sobre delitos sexuais do Partido Xudicial de Santiago. Na súa elaboración participaron representantes de organismos como a Secretaría Xeral de Igualdade, Menores, Política Social, IMELGA, SERGAS ou a Fiscalía, mais non a Consellaría de Educación malia o seu papel fundamental na protección e formación en valores do alumnado.
A CIG-Ensino e o profesorado asistente ás Xornadas testemuñaron que o profesorado se atopa moitas veces ante situacións de posíbeis delitos de carácter sexual ou de violencia machista para as que non conta con formación axeitada nin cunha guía cos pasos a dar para non incorrer en irregularidades legais nin para evitar acrecentar a vitimización ou danos engadidos de quen está a padecer o delito.
É sabido que o traballo do profesorado sobarda o estritamente académico e con frecuencia a ou o docente é a persoa de confianza a quen recorre o alumnado en busca de axuda cando sofre delitos sexuais. Desde a titoría, desde o departamento de orientación ou desde a propia aula, o profesorado ten que afrontar estas delicadas situacións en numerosas ocasións como demostran os feitos; recentemente docentes dun instituto próximo a Santiago foron citados a xuízo como testemuñas por un delito sexual sufrido por unha alumna.
No sindicato recíbense consultas periodicamente nas que se pide orientación ante a sospeita ou a confirmación de casos deste tipo e de aí que se decidira abordar este tema nas Xornadas das Mulleres e que agora o seu secretario nacional, Suso Bermello, veña de solicitarlle por escrito ao conselleiro Román Rodríguez que ratifique o protocolo do Partido Xudicial de Santiago.
Nel faise alusión aos centros de ensino aínda que non é o principal obxecto de análise pero é perfectamente válido o seu contido ao respecto: “Os servizos sociais, os centros educativos, as residencias, centros e asociacións nas que se atopen escolarizados, ingresados ou desenvolvendo tarefas ocupacionais persoas menores ou con discapacidade comunicarán á Fiscalía de Área de Santiago de Compostela calquera información que reciban sobre unha presunta agresión”, “os centros educativos (...) dentro do ámbito das súas posibilidades e competencias poderán recadar o máximo de información posíbel sobre a sospeita delitiva, pudendo a tal fin tomar testificais referenciais, levar rexistros de conduta nos que se anoten as mudanzas de comportamento da persoa menor ou con discapacidade que poidan ser suxestivas de estar sendo vítima dun delito sexual, conservarán os debuxos, anotacións ou escritos que espontaneamente a persoa afectada confeccione, e en xeral todas aquelas que axuden ao esclarecemento do presunto delito pero evitando pedirlle expresamente un relato. No caso de que se ofreza espontaneamente dito relato realizarase un rexistro escrito do xeito máis literal ao expresado pola vítima, e en ningún caso se lle solicitará que o reitere ante terceiras persoas”.
Malia que este texto a nivel xeral está máis dirixido a axentes sociais, xurídicos e sanitarios, no escrito remitido ao conselleiro pídeselle que a Consellaría lle dea o visto bo ao documento para que se aprobe e se poida aplicar de inmediato.
Así mesmo, tamén se aprema a que se publique a Guía de actuación ante casos de violencia de xénero no ámbito educativo que, por mandato do Parlamento, o departamento da Xunta ten elaborada desde decembro de 2019.
A CIG-Ensino pregúntase a que está agardando a Consellaría para facer público un documento tan necesario e pertinente para toda a comunidade educativa. “Acaso está agardando a posibilidade, cercenada pola pandemia, de facer un acto de publicidade política con este tema? Se quere romper coa pasividade e desidia que amosa diante dun asunto de extrema gravidade coma este, debe actuar xa elaborando e publicando guías de referencia para que o profesorado poida colaborar na erradicación destes delitos da sociedade”.