A CIG pide reiniciar a negociación da reforma do EBEP para buscar unha solución xusta para o persoal vítima do abuso da temporalidade
Delegadas e delegados da Área Pública da CIG (Administración Pública, Ensino e Saúde) concentráronse este mércores na Delegación do Goberno na Coruña para manifestar o rexeitamento á modificación do EBEP que non resolve o problema do abuso da temporalidade e blinda novamente a taxa de reposición de efectivos. A protesta desenvolveuse coincidindo coa votación no pleno do Congreso do RDL 14/2021, que finalmente foi convalidado por un só voto de diferenza, mais co compromiso político de iniciar a súa tramitación como proxecto de lei.
O texto do RDL que o Goberno levou ao Congreso traslada o contido do acordo alcanzado entre o Ministerio e as centrais estatais UGT, CCOO e CSIF na Mesa Xeral de Negociacións das Administracións Públicas, que non avalaron nin a CIG nin ELA. De feito, a central galega xa amosou o seu rexeitamento tanto ao fondo como á forma desa negociación, posto que estivo marcada dende o primeiro día polo escurantismo e a falta de transparencia.
Pero este acordo, e o proceso de estabilización que leva aparellado, non resolve o problema da elevadísima temporalidade nas administracións pública, non dá solución ás miles de empregadas e empregados temporais e interinos vítimas deste abuso, e nin sequera respecta a xurisprudencia da UE e do Tribunal Supremo ao respecto. "Na realidade, o único que fai este acordo é botar a pelota tres anos máis adiante para que todo siga exactamente igual", advertía Suso Bermello, en nome da Área Pública da CIG, durante a protesta.
Mantense a taxa de reposición
No acordo, engadiu, non se contempla ningunha medida destinada a que o abuso da contratación temporal derive na creación de novas prazas fixas nos cadros de persoal e a súa incorporación nas ofertas de emprego público. É máis, hai unha clara intención do goberno do Estado de incorporar no EBEP medidas para evitar que as relacións de emprego temporal se convertan en fixas cando a propia duración delas e a sucesión das contratacións determinen o seu carácter estrutural.
O Executivo teima ademais en manter a taxa de reposición como elemento de control da administración central sobre todas as demais, imposibilitando así resolver o exceso de temporalidade nas administracións e impedindo, polo tanto, que poidan dimensionar os seus cadros de persoal e decidir sobre a xestión dos servizos que prestan en función das súas propias capacidades orzamentarias.
Unha reforma que non penalice o persoal interino nin ao sector público
Finalmente, o goberno conseguiu os apoios necesarios para sacar adiante o RDL, mais a conta de tramitalo como proxecto de lei. A Área Pública da CIG chama a aproveitar este proceso para reiniciar a negociación na Mesa Xeral de cara a lograr unha reforma do EBEP que non penalice nin o persoal interino nin o sector público.
Como base para avanzar neste camiño, a CIG entende que hai que eliminar a taxa de reposición da norma xeral; fixar un marco sancionador moi estrito e contundente coas administracións que incumpran as normas de temporalidade; estabelecer medidas reparadoras co persoal interino que é ou foi vítima do abuso na contratación temporal, tal e como esixe a lexislación e a xurisprudencia europea; e que se respecten ás miles de persoas nesta situación, coa negociación de procesos de consolidación -e non de falsa estabilización- que dean unha saída a quen foi vítima da temporalidade abusiva.