A CIG pide paralizar as obras da cuberta da estación de autobuses da Coruña por graves faltas de seguridade
A Federación de Construción e Madeira da CIG vén de presentar denuncia diante da Inspección de Traballo contra o Concello da Coruña, a contratista Desarrolla e a subcontrata OSMEGA polo incumprimento das medidas de prevención de riscos laborais nas obras de reparación de cuberta da estación de autobuses. A central solicitou da autoridade laboral que paralice as obras até que se corrixan todas as deficiencias, xa que existe un risco grave e inminente de caída para os traballadores/as. Os feitos son particularmente graves pois as deficiencias detectadas teñen lugar na cuberta das que van ser as novas oficinas da Concellaría da Mobilidade.
Para acceder ás obras da cuberta, explica a FCM-CIG da Coruña a contratista instalou un andamio en condicións precarias de maneira que, para acceder ao mesmo, os traballadores/as teñen que subir por unha escaleira de man que ao non chegar ao chan, está apoiada enriba de dúas pezas de goma (das que se utilizan normalmente para soster en pé os valos de obra) colocadas unha enriba da outra, en precario equilibrio. Ademais a escada serve de único punto de apoio do valado da obra.
Isto provoca unha gran inestabilidade aos operarios que teñen que subir pola escaleira, especialmente tendo en conta que en moitas ocasións ascenden con ferramenta de gran volume e peso, incrementándose así o risco de caída ou lesións. Ademais, a parte superior do andamio que dá acceso á cuberta álzase uns 80 centímetros sobre o nivel do teito, polo que unha vez alcanzada a parte superior o traballador ten que dar un salto directamente enriba dunha uralita, en ocasións cargado con decenas de quilos de ferramenta, xa que non existe ningún aparato elevador de material.
Risco de caída de altura
Este tipo de traballo está considerado con risco de caída de altura, mais na visita que a CIG fixo ás obras non se detectou a instalación de ningunha liña de vida nin a presenza do recurso preventivo obrigatorio nestes casos. Tamén se comprobou que aos traballadores non se lles fixo entrega do casco, a roupa de augas nin as botas precisas para a actividade que desenvolven nesta obra.
Así mesmo a CIG detectou unha escada de emerxencia inutilizada que remata nunha caída ao baleiro desde uns 3 metros de altura, que non está selada ou sequera balizada. "Isto provoca un risco de accidente mortal totalmente evitábel que acontece ante os mesmos fociños da Concellería de Mobilidade", critica a Federación de Construción.
Á vista deste conxunto de incumprimentos, a CIG solicita da Inspección que faga as comprobacións oportunas e paralice a obra mentres non se corrixan estas graves deficiencias e se garanta a seguridade dos traballadores. De igual xeito, a central sindical demanda do Concello da Coruña que estea vixiante e obrigue as empresas que contrata a cumprir escrupulosamente coa normativa en prevención de riscos laborais.