A CIG pide clarificar o futuro do sector do biodiésel ante os cambios normativos que están a debate
A Federación de Industria da CIG pide que se clarifique o futuro da produción de biodiésel diante dos cambios normativos que se están a formular a nivel europeo, tanto no que ten a ver co levantamento de aranceis á produción estranxeira como no relativo ás posíbeis prohibicións do uso do aceite de palma como materia prima. A CIG amósase especialmente preocupada por como as decisións políticas poden afectar á viabilidade de Masol Iberia Biofuel -a planta que a multinacional Musim Mas ten no porto exterior de Ferrol-, e que hai uns anos xa atravesou unha complicada situación laboral a causa da falta de regulamento no sector.
Neste senso, Alberte Amado, da Executiva da CIG-Industria, explica que nestes intres está a debate o levantamento das restricións anti-dumping impostas pola UE ao produto procedente de Indonesia, mentres que estes aranceis as empresas arxentinas que os denunciaron xa foron suprimidos o pasado ano.
A Organización Mundial do Comercio, que promoveu este levantamento, recomendou ao tempo que se realice unha nova regulación para evitar a competencia desleal entre o biodiésel producido en Europa e o procedente de países como Arxentina ou Indonesia, onde os custes laborais e a normativa ambiental son moi inferiores. Sortear eses aranceis foi unha das razóns polas que Musim Mas se fixo coa xestión de tres plantas de biodiésel no Estado español.
Para coñecer en que fase está o proceso e os termos nos se van aplicar esas posíbeis restricións, a CIG-Industria iniciou unha rolda de contactos institucionais pola que xa se mantivo un encontro coa eurodeputada do BNG, Ana Miranda, e a deputada, Noa Presas; quen trasladaron toda a información da que dispón a formación nacionalista e se comprometeron a realizar as xestións oportunas.
Regulación do uso do aceite de palma
De xeito paralelo, está sobre a mesa a limitación do uso do aceite de palma como materia prima para a produción de biofuel. A CIG entende e defende a necesidade de limitar a materia prima ao uso de aceites sustentábeis e pasar xa ao biodiésel de segunda xeración (que utiliza recursos non ligados ao mercado de alimentación como si ocorre cos biocarburantes de primeira xeración).
Porén, é preciso aclarar que prazos e condicións se permitirán as empresas para que readapten as súas plantas ás novas materias, "ou doutro xeito poderíamos estar ante un grave problema de viabilidade e que mesmo as empresas utilicen a nova normativa para aplicar recortes nas condicións laborais", sinala Amado.
Esta cuestión resulta especialmente sensíbel nas instalacións de Ferrol, pois a súa propietaria, Musim Mas, é a principal produtora de aceite de palma a nivel mundial. "Aínda que este debate parece menos inmediato que o das restricións, para a planta de Ferrol ten máis impacto xa que é a materia prima coa que se traballa, e canto antes se defina a nova regulación antes se poderá adecuar a factoría para garantir a súa viabilidade e o mantemento dos empregos", engade.
Para abordar esta problemática, a central nacionalista reuniuse co Instituto Enerxético de Galiza (INEGA) dende onde se avaliou a posibilidade, entre outras, de promover axudas de I+D+I destinadas á investigación de produtos de segunda xeración.
Un sector viábel e con futuro
A este respecto, a CIG lembra que hai uns anos os gobernos español e galego venderon o sector do biodiésel como a gran alternativa industrial para a comarca de Ferrolterra e na que se soterraron millóns de euros en instalacións que non chegaron a producir un só litro, a causa da ausencia de regulación e a competencia desleal.
"Pero o sector é viábel e ten futuro, hai cota suficiente de produción asignada e, atendendo a normativa europea, cada vez a porcentaxe de consumo mínimo de biodiésel dentro dos carburantes irá en incremento. Non se pode permitir agora que por desidia ou desinterese se deixe esmorecer a única planta que está en funcionamento en Ferrol e se destrúan postos de traballo nunha comarca en grave proceso de desmantelamento industrial".