A CIG pide a Valedora que garanta que o persoal cociñeiro dos comedores escolares da Xunta teña titulación técnica

Solicita a intervención da institución ante a negativa da Consellaría de Educación a negociar e rectificar
Nacional - 02 Xun 2025

A CIG-Administración Autonómica presentou este luns unha queixa ante a Valedora do Pobo solicitando que interveña para que a Consellaría de Educación, Ciencia, Universidade e FP sente negociar “unha saída xusta á chapuza da funcionarización que artellaron” e que supuxo unha rebaixa profesional das escalas de cociña. A decisión da Xunta deixou as cociñeiras e cociñeiros dos comedores escolares na escala do subgrupo C, polo que nas novas contratacións só se exixe o título da Ensinanza Secundaria Obrigatoria e non unha formación técnica específica na materia.

Consecuencia do anterior, explicou Zeltia Burgos, secretaria nacional da CIG-Autonómica, neste curso “levamos xa varias ofertas de emprego para a escala funcionarizada no C2 (Escala Auxiliar de cociña) sen ningún requisito de titulación académica en cociña”.  Isto implica que as dietas especiais, intolerancias, control de alérxenos, seguridade e hixiene alimentaria “non están garantidas nos comedores escolares públicos da Xunta de Galiza, por colocar o persoal C2 como responsábel das cociñas dos centros de ensino”.

Ademais, esta medida provoca a rebaixa profesional nas cociñas dependentes da Xunta de Galiza debilitando a calidade dun servizo público fundamental para familias e crianzas “e pondo do en risco a súa saúde e nutrición”.

Para a CIG, o problema vén derivado da incorrecta clasificación do persoal no grupo que lle correspondería por titulación e segundo recolle o EBEP: ciclo superior de cociña no grupo B e o ciclo medio de cociña no C1. Así mesmo, que a creación de prazas e a asignación de escala nos centros “foron feitas sen criterios obxectivos en base á carga de traballo”.

Ante a negativa da Consellaría a negociar e rectificar o seu criterio, a CIG acordou dirixirse á Valedora do Pobo para requirirlle “que inste a buscar unha solución urxente xa que, ademais do anterior, as cociñas e comedores públicos teñen a obriga de implantar un sistema Análise de Puntos de Control Críticos (APPCC) e un Programa de Seguridade Alimentaria que inclúe a rastrexabilidade dos alimentos e boas prácticas na manipulación destes”.

Burgos apuntou á contrariedade que supón que o Goberno galego e a propia consellería proclamen que a Formación Profesional na Galiza é unha prioridade estratéxica da política educativa e de formación ao que tempo “para o seu propio persoal prefire contratar persoas sen titulación técnica nas súas cociñas”.