A CIG pide a inmediata liberación de Saïf Abukeshek e de Thiago Ávila

Internacional - 05 Mai 2026

Coa sinatura dun comunicado público xunto con outras organizacións do Estado Español, a CIG súmase á campaña de denuncia da captura por parte de Israel dos activistas Saïf Abukeshek e Thiago Ávila após a interceptación da Global Sumud Flotilla en augas internacionais.

Os ataques, iniciados o 29 de abril, constitúen un feito de extrema gravidade pola vulneración da legalidade internacional e dos dereitos humanos. Os 22 barcos que desta volta conformaron a Global Sumud Flotilla foron interceptados polo exército de Israel, a máis de 1.000 quilómetros das costas de Gaza, fronte ás costas gregas a fin de deter a misión humanitaria e de solidariedade co pobo palestino.

Das 180 persoas activistas inicialmente secuestradas por Israel, 178 foron liberadas nas costas gregas, imputando un total de 35 persoas feridas durante o ilegal ataque das IOF. Moitas das persoas activistas presentes, alén de denunciar un trato de violencia e abuso por parte do exército criminal de Israel, testemuñaron accións de tortura e violencia en augas gregas contra os dous activistas separados do resto. Desde entón, os dous activistas permanecen nunha prisión en territorio israelita e atribúenselles cargos infundados de terrorismo.

En consecuencia, a CIG súmase á petición de intervención inmediata por parte dos organismos europeos e a acción inmediata dos gobernos español, sueco e brasileiro pola liberación efectiva do activista brasileiro e do compañeiro palestino-catalán da central sindical IAC, que conta coa cidadanía española e sueca.