A CIG pídelle a Ferroatlántica que reactive os fornos e garanta emprego e produción para iniciar as negociacións
As dúas primeiras xuntanzas da negociación do ERE temporal presentado por Ferroatlántica están servindo para constatar o que a CIG vén denunciando dende o primeiro momento: que as medidas propostas constitúen un auténtico despropósito e que non existen causas obxectivas que xustifiquen o expediente.
En calquera caso, a CIG entende que (e así o fixo constan en acta) para avanzar nas negociacións primeiro débese producir un arranque inmediato dos fornos (ou cando menos, establecer un calendario para o arranque na maior brevidade posíbel), así como achegar garantías efectivas de estabilidade no emprego e na capacidade produtiva das fábricas. En relación con este punto, a central demandou da empresa que retire todos os recursos interpostos contra a decisión da Xunta de non autorizar a segregación e venda das centrais. Xunto a isto, a CIG demandou unha redución considerábel do tempo da regulación proposta porque "na actual conxuntura, un ERTE de dous anos non é aceptábel baixo ningunha circunstancia".
Xustificar o ERE en vagas previsións de perdas no futuro
A CIG trasladou estas consideracións na segunda reunión do período de consultas que remataba pasadas ás 18:30 horas deste martes. Sobre o contido das negociacións, a representación da CIG (integrada polos delegados das fábricas da Costa da Morte e Sabón, o secretario xeral, Paulo Carril, e o responsábel da Unión Local de Cee, Xabier Santos) aseverou que, "segundo as contas (incompletas) que nos proporcionan, a realidade de Ferroatlántica dista moito de parecerse á dunha empresa en crise que nos queren vender". Tanto é así, que a empresa sustenta toda a súa argumentación en vagas previsións de futuro sobre os prezos da materia prima, da enerxía ou do custe do produto final, chegando á conclusión de que, de cumprírense eses prognósticos, entrará en perdas en 2019 e 2020.
"O que fai Ferroatlántica é un exercicio de futuroloxía, colle a bola de cristal e augura os prezos do mercado que mellor lle conveñen para dicir que vai entrar en perdas e xustificar un ERTE, que é unha fraude. E faino así porque a empresa está dando beneficios: o ano pasado as vendas chegaron case aos 400 millóns de euros, a cifra máis alta dos últimos catro anos".
As concesións hidroeléctricas e mineiras, unha vantaxe que a empresa oculta
No seu ruín intento de xustificar o inxustificábel, empresa pon o acento sobre o prezo da enerxía e das materias primas pero nin sequera é capaz de aclarar que porcentaxe do custe total da produción lle supón o gasto eléctrico, pois nunha parte do informe fala de que está entre o 20% e 40% dos custos 'dependendo o tipo de produto e planta', e noutra, dálle un peso concreto do 25% no ano 2018.
Sobre estas dúas cuestións (materia prima e enerxía), a CIG lembra que Ferroatlántica ten concesións públicas en Galiza para a explotación das centrais hidroeléctricas da Costa da Morte e da mina de silicio de Serrabal que "claramente sitúan a empresa nunha posición de mellora no mercado, aínda que no informe non se ten en conta para nada esta situación de vantaxe". Diante disto, a representación da central nacionalista puxo sobre a mesa o feito de que a empresa podería compatibilizar o sistema de compensación da interrumpibilidade e o autoconsumo, o cal permitiría rebaixar considerabelmente o custe da enerxía.
Non obstante, Ferroatlántica optou de maneira voluntaria pola separación de liñas "co claro obxectivo de desvincular o complexo industrial das centrais hidroeléctricas e vender estas últimas". Fronte a isto, a CIG indicoulle que aplicar o ERTE poría en perigo a continuidade das fábricas e, polo tanto, tamén a continuidade das concesións que explota. "Se non se mantén a produción, ponse en perigo a viabilidade das plantas e polo tanto os postos de traballo".
A Xunta ten que facer valer as cláusulas concesionais
Non hai que esquecer que a concesión das centrais está vinculada á viabilidade do complexo industrial, "e para termos futuro teñen que estar en marcha as unidades produtivas, e non paralizar a actividade dos fornos, desviar a produción e desabastecer as plantas de materias primas".
Atendendo a este principio, a CIG critica a ausencia de actuacións da Xunta de Galiza, que debería terse posicionado xa en contra deste ERTE facendo valer as cláusulas concesionais, e mesmo advertíndolle á empresa da posibilidade de perder as concesións se teima nas súas pretensións.
Ferroatlántica non aclara como contribúe o ERTE a minimizar a previsión de perdas
A pesar de que a empresa entregou un voluminoso informe técnico á representación social, a documentación está incompleta e non responde aos requirimentos que establece a lexislación actual. "Non hai en toda a documentación unha miserenta conta de resultados provisional nin unha mínima explicación de como o ERTE pode contribuír a resolver esa previsión de perdas, aforrar custes ou axudar á viabilidade das plantas", apunta a representación da CIG.
Este non é un aspecto menor porque, segundo a documentación achegada, os gastos de persoal apenas representan "un ridículo 9% dos custes" e nun contexto de redución da marxe como o aventurado por Ferroatlántica, reducir a produción conduciría a maiores perdas.