CIG-Lugo pide á Deputación aclarar o futuro das persoas afectadas pola selección de persoal para as residencias
A Unión Comarcal da CIG de Lugo-A Mariña ten convocada unha asemblea aberta para o vindeiro luns, 7 de agosto, ás 20 horas no Salón de Actos do Edificio Sindical para abordar a situación na que se atopan todas as persoas afectadas pola selección de persoal para as residencias da Deputación.
Hai que lembrar que en maio de 2015 a Deputación de Lugo, a través de SUPLUSA, realizou un proceso de selección de persoal para varias residencias, que estaba previsto comezasen a funcionar no último trimestre do propio 2015.
"A realidade, a día de hoxe, é que esas residencias non empezaron a funcionar e a data de inicio de funcionamento das mesmas non está clarificada, así como o modelo de xestión, e non hai nada que aclare se ese proceso de selección vai ser respectado, ou non", denuncia o Secretario de Organización da CIG de Lugo-A Mariña, Lois Neto.
Diante desta situación de indefensión na que se atopan as persoas que se presentaron a ese proceso de selección e por demanda das mesmas, desde a CIG convócase unha asemblea aberta co obxectivo de poder organizar a este colectivo e axudarlles a canalizar as dúbidas e inquedanzas coas que viven, dado a indefensión e incerteza na que se atopan.
"Desde a CIG entendemos que o mínimo deber da Deputación con estas persoas debe de ser a de clarificar honestamente cal é a súa situación. É por iso que animamos a todas as persoas afectadas a que acudan a esta asemblea, co obxecto de poidan organizarse para unha mellor defensa dos seus intereses".